– O Campo da Feira acollerá o venres 20 de xuño as actuacións de Heredeiros da Crus, América de Vigo e os grupos locais Perfectos Extraños, Retroblues e Elevën. Serán máis de sete horas ininterrompidas da mellor música rock en directo cun festival totalmente gratuíto que se consolida como unha cita ineludible para os amantes do rock.
O tradicional certame Rock Redondela que se inclúe na programación da Festa da Coca ofrece este ano unha xornada con cinco concertos e máis de 7 horas da mellor música rock. Será o venres, 20 de xuño, no Campo da Feira, desde as 19.30 horas con entrada de balde. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, presentaron este festival no que actuarán artistas locais e os grupos Heredeiros da Crus e América de Vigo. Pérez Táboas sinala que este certame consolidouse nos últimos anos e xa é “unha cita obrigada para os amantes do rock dentro da programación da Festa da Coca”. Nesta ocasión as actuación dos cinco grupos garanten “máis de 7 horas ininterrompidas da mellor música rock en directo”. A alcaldesa afirma que dar visibilidade aos grupos e artistas locais é “unha prioridade” para o Concello, xa que en Redondela “temos moito talento”. Nesta ocasión son os redondeláns Perfectos Extraños, Retroblues e Elevën os que subirán ao escenario para animar ao seu público.
A mítica banda galega Herdeiros da Crus, que actuará a media noite, presentará o seu último álbum “Trankimasin”, que ofrece sons setenteiros e retranca galega. Con este disco volve á carga o grupo máis popular do rock en galego, que estrea álbum despois de seis anos.
América de Vigo ofrecerá un gran espectáculo co seu tributo a toda a historia do rock and roll, facendo un repaso dos grandes éxitos de todos os tempos. Temas de bandas míticas como Iron Maiden, Guns N’ Roses, Metallica ou Queen forman parte do seu repertorio. O grupo América fará dous pases, o primeiro ás 21.30 horas e o segundo ás 01.30 que pechará o festival.