HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López convida en Vilagarcía, na estrea do novidoso programa +Convivir Peques,...

Luis López convida en Vilagarcía, na estrea do novidoso programa +Convivir Peques, a desfrutar dos variados atractivos que ofrece a provincia en familia

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial, acompañado polo deputado Javier Tourís, participa xunto con máis de 500 cativos e familias do Salnés na primeira festa do +Convivir Peques

Unha tarde chea de actividades educativas e de lecer que conta coa colaboración especial da Policía Nacional para concienciar sobre o uso seguro de Internet na infancia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, convida a desfrutar “en familia” dos variados atractivos que oferta a provincia na estrea do primeiro dunha serie de encontros itinerantes polo territorio do novidoso programa +Convivir Peques, que celebrou este venres a súa primeira edición no colexio Arealonga de Vilagarcía. Trátase dunha festa infantil chea de actividades interesantes desde o punto de vista educativo e lúdico, pensada para todos os membros da unidade familiar e que conta coa colaboración especial da Policía Nacional para concienciar á mocidade da provincia sobre a importancia dun uso seguro de Internet. “Se o ano pasado foi un éxito a estrea do programa +Convivir para desfrutar de xuntanzas entre veciños, este ano non teño ningunha dúbida de que a variante deseñada especialmente para as familias será un completo acerto”, augurou o presidente Luis López, que vén de participar na inauguración do programa xunto co deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, “o máximo valedor da acción comunitaria na nosa provincia”.

O programa +Convivir Peques, que puxo este venres en marcha o goberno provincial, é unha variante do proxecto +Convivir, impulsado o ano pasado desde o Servizo de Acción Comunitaria para recoñecer cun encontro festivo o labor que os colectivos veciñais desenvolven a diario. Nas instalacións do CEIP Arealonga de Vilagarcía tivo lugar o primeiro encontro dun programa, no que participaron máis de 500 persoas e que terá continuidade nas vindeiras semanas noutras comarcas da provincia.

Unha festa infantil da que o presidente Luis López foi o encargado de dar a benvida para, a continuación, deixar que as nenas e nenos tomaran o protagonismo. A eles estivo dirixida unha charla impartida por profesionais da Policía Nacional titulada “Navega con seguridade” sobre a importancia dun uso correcto de Internet, seguida dunha actividade de animación a cargo de Javi Solla, o espectáculo de maxia do Mago Paco e por último, despois dunha parada para desfrutar dos inchables e dunha merenda, a actuación musical do Dj Bruno Canario.

Neste sentido, o mandatario provincial amosou a súa satisfacción e agradecemento pola “calorosa acollida” por parte de “familias orgullosas de vivir e desfrutar xuntas do paraíso no que vivimos” a un programa que permitirá “fortalecer os lazos e o futuro da nosa terra”. Concluíu o presidente convidando a toda a veciñanza a sumarse aos encontros do +Convivir Peques, “unha auténtica festa para as familias que nas vindeiras semanas levaremos, como facemos sempre e como nos gusta na Deputación, a todos os recunchos da provincia”.

Publicacións Relacionadas