Os nacionalistas consideran insuficiente o incremento da porcentaxe (un 8,10%) de reserva de solo público para vivendas de protección oficial e inciden en que “debería ser máis elevado”, tendo en conta a ausencia deste tipo de inmobles, como consecuencia da política de formigón de Telmo Martín
O Bloque desvela que o Goberno do PP preguntou en 2024 na Xunta se sería viable manter a porcentaxe nun 5,5%, o que demostra que “non existía intención de incrementala, só se fai porque é unha obriga”
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Sanxenxo (BNG) volveu deixar patente no Pleno ordinario deste luns a ausencia de vivenda accesible no municipio. O grupo da oposición abstívose na votación para incrementar a porcentaxe de reserva de solo público para vivenda suxeita a réxime de protección pública, que pasará dun 5,55 ao 8,10%. O voceiro do Bloque, Fran Leiro, deixou claro que a suba “é insuficiente”, xa que “moita poboación que quere vivir aquí vese na obriga de marchar a outros concellos, como vén sucedendo nos últimos anos, polo prezo dos inmobles”. Unha situación que vén provocada polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que impulsou Telmo Martín a principios do século XXI e que “o único que fixo foi favorecer a especulación e o facer negocio coa venda de segundas vivendas, creando guetos para ricos”.
Na súa intervención á hora de tratar este asunto, Leiro lamentou que a política de cemento e formigón do señor Martín e do Partido Popular poña en dificultades a moitos veciños e veciñas que non atopan unha vivenda digna na que residir durante todo o ano en Sanxenxo. “Que se incremente a porcentaxe de solo para vivenda pública é bo, pero no BNG preguntámonos onde está a vivenda dispoñible para familias en réxime de protección en Sanxenxo. Despois de tantos anos, non existe.
Isto provocou un éxodo de persoas que marcharon a outros municipios da contorna na busca de inmobles máis asequibles”, denunciou Fran Leiro. O BNG recorda, asemade, que na actualidade preto do 50% dos inmobles que existen en Sanxenxo corresponden a segundas vivendas. “Iso non é un accidente, nin unha casualidade, senón consecuencia directa dun PXOM e unha política de formigón especulativa, promovida por Telmo Martín”, indica.
Os datos do censo municipal para demanda de vivenda pública, con máis de medio milleiro de persoas anotadas, é a proba real e evidente do fracaso desta política de cemento, sinala o Bloque. Ademais, desde o grupo da oposición tamén puntualizan que o incremento de solo urbano para a construción de vivenda pública non a realiza o Goberno do PP por vontade propia, senón porque “é unha obriga”. Neste sentido, Leiro desvelou que a principios de 2024 o Concello de Sanxenxo enviou un escrito á Xunta de Galicia para corroborar se ese incremento de porcentaxe era obrigatorio ou podían mantelo no 5,55% previo. “Isto demostra que non exista ningunha intención de crear vivenda pública.
Non é unha cuestión de vontade, senón de que non lles queda máis remedio”, criticou Leiro.
Servizo de Emerxencias
Por outra banda, desde o BNG tamén quixeron amosar a súa solidariedade cos profesionais do Servizo Municipal de Emerxencias, que estiveron presentes no Pleno deste luns para esixir a Telmo Martín e ao Goberno local que cumpra coas sentenzas xudiciais que lle esixen a mellora desta prestación. Precisamente, na quenda de rogos e preguntas o voceiro nacionalista interpelou ao alcalde para que aclarase se ten previsto reforzar o servizo durante o período estival, habida conta do incremento de poboación que experimenta Sanxenxo durante o verán. “O alcalde limitouse a tirar balóns fóra e non contestou, pero a lei obrígalle a facelo por escrito nun prazo máximo de dous meses”, recorda o grupo da oposición.