HomePontevedraCaldasA Xunta realiza labores de conservación na contorna no río Umia ao...

A Xunta realiza labores de conservación na contorna no río Umia ao seu paso polos concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña

- Anuncio -spot_img
  • As tarefas que está a executar Augas de Galicia consisten na retirada de árbores caídas, roza de biomasa e vexetación e mantemento das plantacións existentes
  • O Goberno autonómico ten reservado este ano un orzamento de 2,7 M€ á execución do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar hoxe actuacións de conservación e mantemento na contorna do río Umia ao seu paso polos concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña, no entorno do encoro da Baxe.

As tarefas desenvolveranse concretamente nas parroquias de Santo André de César, en Caldas; Santa María de Troáns, en Cuntis; San Martiño de Laxe e San Salvador de Saiáns (ambas en Moraña). Os traballos consistirán na retirada de árbores caídas e na roza tanto das faixas de protección como da vexetación dos camiños dentro da contorna do encoro. Así mesmo, realizaranse labores de mantemento das plantacións de frondosas existentes na zona de dominio público.

En total, actuarase sobre 8,8 quilómetros de camiños de titularidade de Augas de Galicia, en 10,8 hectáreas de superficie arborada e noutras 8,8 hectáreas no caso das faixas de biomasa.

A previsión é que os traballos se alonguen durante aproximadamente dous meses por parte do persoal ao servizo de Augas de Galicia, que aplicará na súa execución ferramentas manuais, motoserras, podadoras e rozadoiras ademais de contar co apoio de maquinaria de maiores dimensións, como un tractor, un camión e un minidumper.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo dependente do Executivo galego, a contorna do río Umia quedará despexada de maleza, dando cumprimento á normativa de xestión de biomasa, ademais de eliminar a posible competencia de especies invasoras nas zonas con presencia de arborado autóctono.

Cómpre lembrar que as actuacións actualmente en marcha nesta zona dan continuidade ás executadas tamén nos últimos exercicios ao abeiro do programa autonómico de conservación do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, un esforzo que a Xunta vai reforzar nos vindeiros anos.

De feito, a planificación de Augas de Galicia para 2025 conta cun orzamento de 2,7 millóns de euros para a retirada de árbores caídas nas canles fluviais, a limpeza das marxes, o control de especies exóticas invasoras e a eliminación de obstáculos que impidan o discorrer libre das augas, uns traballos que incidirán en arredor de 550 quilómetros de canles fluviais da Comunidade.

O fin último deste tipo de traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Publicacións Relacionadas