A décima edición do Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos 2024-2025 (subvencionado pola Xunta de Galicia cun importe total de 220.000 euros que corresponden a fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal e co cofinanciamento do Concello de Mos, cun importe total de 57.497,48 € ) está a realizar neste mes de maio e durante o mes de xuño a formación do itinerario de almacén (composta por catro accións formativas: de almacén, xestión e control de compras e stock de almacén, política e xestión informatizada de stock e condución de carretillas elevadoras), así como a formación en competencias dixitais, e competencias transversais a prol da mellora da empregabilidade e ocupabilidade dos 100 participantes no Programa Integrado, que ten unha duración dende novembro de 2024 ata novembro de 2025.
O obxectivo último é “a consecución da súa inserción no mercado laboral mediante un emprego digno e estable” polo que, para poder asistir ás diversas accións programadas, o proxecto establece unha beca de 10 euros e medidas de conciliación.
Tamén realizaranse diversas xornadas para o fomento da capacidade emprendedora, así como obradoiros sobre a mobilidade laboral para proporcionar información dos recursos dispoñibles de mobilidade transnacional no territorio da Unión Europea, actividade moi importante debido á situación estratéxica do Concello de Mos, referente o tecido empresarial do País veciño, Portugal.
Ademais da formación, outra das accións realizadas ao longo do proxecto son os convenios de prácticas non laborais que permiten ás persoas participantes ter un contacto directo coas empresas. Deste xeito, teñen a oportunidade de coñecer a realidade do mercado laboral, favorecendo a mellora da súa empregabilidade.
Na pasada edición do Programa Integrado de Emprego, un total de 78 persoas traballaron ao longo do proxecto, alcanzando unha porcentaxe de inserción do 50%, superando a porcentaxe do 35% de inserción establecido na orde da convocatoria.
Neste senso, a alcaldesa Nidia Arévalo e a concelleira Julia Loureiro agradecen “o apoio incondicional da Xunta de Galicia á administración local mosense en xeral e, en concreto, aos Programas Integrados de Emprego do Concello”.
O X Programa Integrado de Emprego de Mos 2024/25 conta con 100 persoas beneficiarias. O obxectivo de inserción é do 45% aínda que, como en anteriores edicións, espérase superar en moito esta cifra.
Este programa está destinado a persoas desempregadas con discapacidade, persoas desempregadas en risco de exclusión social, persoas beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia, menores de 30 anos desempregados con baixa cualificación, menores de 30 anos desempregados cualificados, desempregados maiores de 45 anos, persoas desempregadas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción e mulleres desempregadas.
Na pasada edición implicáronse co programa máis de 50 empresas, solicitando candidatos/as a postos de traballo, participando na realización das accións de inserción, convenios de prácticas e formación e favorecendo o achegamento ao mercado laboral das persoas usuarias.
Tamén están prevista a posta en marcha de actividades como encontros, foros, feiras…; espazos interactivos de coñecemento e intercambio de experiencias onde se dean a coñecer a demanda e a oferta laboral, a tendencia do mercado, os perfís máis solicitados ou a proxección do emprego, onde poder compartir intereses, necesidades e perspectivas de futuro.