O deputado provincial Jorge Cubela visitou hoxe o concello, onde anunciou que o organismo aprobará na Xunta de Goberno deste venres a financiación íntegra desta actuación a través do Plan +Provincia
O deputado provincial Jorge Cubela visitou este luns Ponte Caldelas, onde anunciou que a Deputación se encargará de financiar integramente un parque infantil central cuberto entre Rosalía de Castro e avenida de Vigo e outro de calistenia con pista de petanca no paseo Manuel Cordo Boullosa. A Xunta de Goberno aprobará este venres unha achega de 303.000 euros para impulsar esta actuación con recursos procedentes do Plan +Provincia. Nesta actualidade, o plan destina á vila un total de 648.000 € e, no caso concreto da liña 1 de investimentos, 454.000 euros.
O deputado deu conta dos traballos que levará a cabo Ponte Caldelas con estes fondos provinciais, 303.449,96 €, que permitirán, por unha banda, remodelar o parque situado no cruce entre a rúa Rosalía de Castro e a avenida de Vigo para convertelo nun parque infantil central cuberto que poida ser empregado todos os días do ano. Esta infraestrutura contará con zonas diferenciadas como unha de xogos totalmente renovados, unha zona de lectura que renovará continuamente os exemplares e outra de merenda con mesas e asentos. Estará cuberto por unha lona azul e branca para protexer tanto da choiva como do sol.
Ademais, o proxecto inclúe a creación dun parque de calistenia con pista de petanca no paseo Manuel Cordo Boullosa, que se proxecta na actual zona axardinada con elementos infantís fronte ao río Bora. Esta instalación contará con elementos como tripla barra de flexións francesa, barra de dominadas clásicas, barras paralelas altas e banco horizontal.
Jorge Cubela puxo en valor a filosofía do Plan +Provincia, “ese municipalismo que é a esencia do noso goberno provincial: escoitar os concellos, permitirlles que escollan libremente o obxecto dos seus recursos con total autonomía, e estar ao seu carón sempre que o necesiten para que a provincia prospere”. O deputado provincial incidiu en que con esta iniciativa a Deputación de Pontevedra ten como obxectivo “transformar e modernizar Pontevedra, mellorar a calidade de vida da cidadanía e impulsar o avance do territorio para ir sempre a máis”.