HomePontevedraPoioO BNG defende que o Concello de Poio debe manter a xestión...

O BNG defende que o Concello de Poio debe manter a xestión directa da auga para evitar o “incremento brutal” do recibo

- Anuncio -spot_img

A voceira Marga Caldas sostén que Moldes quere privatizar o servizo con empresas que van “saquear” a veciñanza porque é “incapaz de xestionar”

O BNG de Poio manifestou onte no Pleno a súa postura firme en contra da nova ordenanza fiscal que vai regular o futuro prezo da auga e que supón o primeiro paso para a privatización do servizo e o “incremento brutal” do recibo para a veciñanza. A voceira municipal Marga Caldas defendeu que hai outra maneira de facer as cousas e propuxo que o Concello de Poio manteña a xestión directa do servizo para evitarlle á xente o ‘taxazo da auga’, tal e como o Bloque pretendía facer cando estaba na Alcaldía o pasado mandato.

“Dende o BNG rexeitamos esta xestión económica privatizadora que propón Moldes e defendemos o noso proxecto, que permitía ao Concello poder seguir regulando o servizo evitando que sexa unha empresa quen asuma o cento por cen da xestión coas consecuencias da suba progresiva do recibo para as familias de Poio”, subliña a nacionalista.

Caldas destaca que Moldes ten demostrado a súa incapacidade para xestionar este recurso vital, optando en cambio por delegar a auga a entidades privadas que “van saquear a veciñas e veciños”. “Poio merece unha xestión responsable, transparente e xusta, sen que se faga caixa á conta das familias. Non permitiremos que se aproveiten da veciñanza. A auga é un dereito, non un negocio! Non pode ser que pola incapacidade para xestionar de Moldes a xente teña que pagar de máis”, sostén a voceira.

Dende o BNG denuncian que o PP pretende ocultar a suba do recibo ata que pasen as vindeiras eleccións municipais. De feito, dende o Bloque subliñan que ante as preguntas directas de Marga Caldas no Pleno, coas que desafiou ao alcalde a responder se realmente vai subir o recibo e se vai cobrar unha taxa incluso a quen non utiliza o servizo, a resposta de Moldes foi  “eludir a cuestión unha vez máis, enredar no seu discurso e evitar dar respostas claras, un comportamento habitual cando se trata de asuntos que non favorecen á súa xestión. Hai unha total falta de transparencia”.

O Bloque insiste en que os proxectos de mellora da rede de auga son necesarios – e froito do traballo cando o BNG estaba na Alcaldía- , pero subliña que a fórmula económica do PP duplica o custo para as e os veciños baixo o pretexto de investimentos que non benefician á cidadanía: “por iso dicimos un rotundo NON a esta maneira de facer as cousas”.

Caldas apunta que a subida será “un atraco” que chegará a roldar os 100 euros por vivenda e recibo, xa que o recibo chegará a duplicarse porque o consumo da auga pasará a cobrarse en dous conceptos: o de abastecemento e o de saneamento.

Publicacións Relacionadas