HomeA CoruñaA 15ª edición do Día do Deporte celebrarase o 7 de xuño

A 15ª edición do Día do Deporte celebrarase o 7 de xuño

- Anuncio -spot_img

Comezará ás 10:00 e finalizará tralo sorteo de premios ás 13:30 horas.

O Día do Deporte da Laracha celebrará o sábado 7 de xuño a súa 15ª edición baixo a organización do Concello nunha nova xornada festiva e participativa que converterá diferentes espazos da capital municipal nun gran escenario dedicado á actividade física e ao lecer saudable.

O evento desenvolverase entre as 10:00 e as 13:30 horas. O espazo central será a praza Les Sables d´Olonne, ademais da praza da Cultura, a explanada fronte á piscina municipal, as pistas polideportivas xunto á avenida Manuel Fraga, o skatepark e o pavillón do IES Agra de Leborís.

Durante toda a mañá poderase practicar diversidade de disciplinas deportivas e recreativas coa intención de fomentar os estilos de vida saudables e dar a coñecer a ampla oferta de modalidades diferentes que se poden practicar no termo municipal, tanto de xeito autónomo como na programación municipal ou a través dos clubs.

Entre as disciplinas que se poderán practicar no 15º Día do Deporte están o fútbol sala, baloncesto, tiro con arco, mountain bike, xadrez, equitación, billarda, indiaca, parkour, calistenia, ximnasia de mantemento, marcha nórdica, híbridos e zumbea. Todas as propostas contarán con monitores e persoal especializado para dirixilas.

Ademais, faranse exhibicións de patinaxe, judo, ximnasia rítmica e zumbea kids.

A nova directiva da asociación Adro de Vilaño aproveitará esta cita para presentar ao público a 8ª edición da carreira do Apóstolo que volverá organizar a entidade neste verán.

Como colofón á xornada farase unha tómbola con sorteo de premios entre todas as persoas que participen nalgunha das actividades deportivas propostas.

O Día do Deporte da Laracha reafírmase como unha das citas máis destacadas do calendario municipal, promovendo a práctica deportiva desde unha perspectiva inclusiva, educativa, lúdica e aberta a todos os cidadáns, independentemente da súa idade ou condición física.

O evento é organizado polo Concello, contando coa colaboración de entidades como o Club Baloncesto Laracha, Club Arco Laracha, Laracha en Dúas Rodas, Amigos del Judo Laracha, Club de Salvamento Acuático da Laracha, clubs de billarda APB e Campo da Feira, e tamén da Xunta Local da Laracha da Asociación Española Contra o Cancro.

Publicacións Relacionadas