Profesionais do centro de saúde impartirán sesións formativas sobre nutrición e RCP nos centros de ensino.
O Salón de Plenos acolleu hoxe unha nova reunión da mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino. A sesión contou cunha ampla representación de profesionais de sectores clave na prevención e abordaxe desa problemática social.
Por parte do Concello asistiron a edil de Igualdade, Rocío López, a directora do Centro de Información á Muller (CIM) e persoal técnico das áreas de Igualdade e Servizos Sociais. Tamén participaron membros das forzas e corpos de seguridade —comandante de posto da Garda Civil da Laracha e axente do equipo VioGén de Carballo—, responsables dos centros de ensino -directores e orientadores- e profesionais do centro de saúde da Laracha -xefe de servizo e pediatra-.
Como novidade salientable, por primeira vez participou nesta mesa a coordinadora do Centro de Crise 24 horas para vítimas de violencia sexual de Ferrol, que expuxo de xeito pormenorizado o funcionamento e os obxectivos destes novos recursos especializados, o perfil das persoas que acoden a eles, a tipoloxía dos profesionais que os atenden e os protocolos de derivación directa que implican de xeito directo aos colectivos presentes na reunión.
Noutra orde de asuntos, os representantes do centro de saúde aproveitaron a sesión para amosar a súa disposición para colaborar coa comunidade educativa mediante a realización de sesións formativas sobre reanimación cardiopulmonar (RCP) e nutrición nos centros escolares co propósito de que o alumnado reciba nocións básicas sobre esas cuestións de interese.
Ademais, informouse de que o luns estará no IES Agra de Leborís un posto informativo da campaña Agresión off, eu digo non á violencia sexual impulsada pola Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Consellería de Política Social e Igualdade. A iniciativa pretende sensibilizar e concienciar sobre a importancia de rachar coas condutas violentas e non igualitarias, tanto nas relacións sociais como de parella, principalmente entre a xente moza.
A sesión concluíu cunha análise conxunta de casos e situacións de especial vulnerabilidade co obxectivo de reforzar a coordinación e definir actuacións eficaces entre os distintos axentes implicados.
Desde o Concello da Laracha quérese agradecer expresamente a implicación e compromiso de todos os sectores profesionais presentes, cuxo traballo conxunto resulta esencial para avanzar na prevención e atención integral ás vítimas da violencia de xénero.
A próxima reunión periódica desta mesa de traballo quedou fixada para o vindeiro día 1 de outubro.