O deputado provincial Marcos Guisasola visitou hoxe o concello, onde anunciou que a actuación estará financiada integramente con recursos do Plan +Provincia que se aprobarán na Xunta de Goberno deste venres
O deputado provincial Marcos Guisasola visitou este xoves Cambados, onde anunciou que a Deputación se encargará de financiar integramente a pavimentación de varios camiños de titularidade municipal. A Xunta de Goberno aprobará este venres unha achega de preto de 140.000 euros para impulsar esta actuación con recursos procedentes do Plan +Provincia. Nesta anualidade, o plan destina á vila un total de 1,05 millóns de euros e, no caso da liña 1 de investimentos, preto de 738.000 €.
O deputado deu conta dos traballos que levará a cabo Cambados con estes fondos provinciais, 138.057,61 € que permitirán actuar en tres rúas urbanas e dúas zonas da parroquia de Vilariño. A primeira actuación será nun treito de 71 metros da rúa Nova e a totalidade da rúa Albariño, onde se procederá a cortar o pavimento asfáltico no seu encontro coas liñas de lastras para a súa conservación. Seguiralle a demolición, fresado e varrido da superficie para realizar a pavimentación dunha nova capa de firme a base de aglomerado en quente. A segunda actuación no núcleo urbano será nun tramo de 53 metros da Avenida da Pastora, onde se realizará o corte e demolición do pavimento asfáltico, con apertura da caixa e base de formigón para a pavimentación con lastras, o fresado e a pavimentación cunha nova capa de firme.
En Vilariño haberá outras dúas actuacións, a primeira no camiño de Casasnovas, nun tramo de 420 metros. Estes traballos consistirán na demolición, apertura de caixa e aportación dunha base de saburra seguido dun tratamento superficial. Ademais, nos bordes actuarase para ampliar o ancho da plataforma destinada á circulación de vehículos. Regularase o firme, procederase ao fresado e pavimentación e tamén se instalará un tubo de drenaxe para o sistema de recollida de augas pluviais. Finalmente actuarase no acceso aos aseos, os vestiarios e os almacéns do campo de fútbol de Burgáns, que non conta con pavimento, senón cunha capa de grava con acumulación de vexetación e estancamentos de auga cando ocorren fortes precipitacións. Neste espazo, as obras consistirán na apertura de caixa e aportación dunha base de saburra e na execución dun pavimento de formigón.
Marcos Guisasola destacou o Plan +Provincia como “o programa estrela desta Deputación que segue e seguirá defendendo o seu municipalismo como o mellor xeito de proceder cos nosos concellos: respectando a autonomía municipal para que poidan facer fronte aos seus proxectos”. O deputado provincial lembrou que con este programa a Deputación de Pontevedra ten como obxectivo “mellorar a vida da nosa veciñanza e transformar e modernizar a provincia como nunca antes se fixera”.