HomePontevedraPoioLuis López reafirma o compromiso da Deputación coa rede de estradas provinciais...

Luis López reafirma o compromiso da Deputación coa rede de estradas provinciais cunha inxección de 1,8M€ para a mellora da EP-0601 entre A Seara e Campelo, en Poio

- Anuncio -spot_img

O mandatario provincial asina un convenio co alcalde de Poio, Ángel Moldes, para o a achega por parte da Deputación de 1,46M€, o 80 % dunha obra que inclúe a construción dunha senda peonil de 1,1 quilómetros e a mellora da seguridade viaria

As administracións locais reclaman ao Goberno desbloquear os remanentes: “Non poder gastar por facer ben as cousas é dificil de entender. Na Deputación temos 66M€ para facer actuacións en beneficio dos veciños”, lamenta López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar este xoves co alcalde de Poio, Ángel Moldes, o convenio para a mellora da seguridade viaria da estrada provincial EP-0601, entre A Seara e Campelo. Unha obra valorada en máis de 1,8 millóns de euros, dos que a Deputación achega o 80 %, arredor de 1,46 millóns de euros, e que servirá para construír unha senda peonil e implantar novas medidas de seguridade viaria ao longo dun treito de 1,1 quilómetros nesta estrada de titularidade da Deputación. “É un proxecto moi ben pensado, moi traballado e en consonancia co que quere a xente, por iso desde a Deputación apoiámolo desde o punto de vista técnico e orzamentario”, afirmou o mandatario provincial na Praza da Granxa de Campelo, onde tivo lugar o acto de sinatura do convenio, no que tamén participou a deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro.

A primeira fase deste proxecto, froito da colaboración entre as administracións provincial e municipal, céntrase nunha intervención integral entre os puntos quilométricos 2+240 e 3+510 da estrada provincial EP-0601 entre o cruce da Seara e a contorna da escola de música de Campelo, no termo municipal de Poio. A obra contempla a construción dunha senda peonil dun ancho mínimo de 2,50 metros na marxe dereita da estrada ao longo dun treito de 1,1 quilómetros. Con todo, no punto quilométrico 3+350, onde a sección do viario impide cumprir a anchura mínima da senda, crearase unha zona de convivencia entre vehículos e persoas con prioridade peonil. Así mesmo, levaranse a cabo accións complementarias coma a creación de novas prazas de aparcamento, renovación da iluminación pública, execución de muros de sostemento da estrada, mellora dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e reposición dos servizos afectados. “Damos os parabéns ao alcalde e o seu equipo porque esta é moi complexa, chegar a este punto ten moitísimo mérito”, afirmou o mandatario provincial. Pola súa banda, o rexedor agradeceu o compromiso do presidente para apoiar o proxecto. “Hoxe é un día histórico. Agradecemos a implicación do presidente da Deputación, que na súa primeira visita a Campelo, ven cun convenio para facer realidade as beirarrúas desde Campelo á Seara”, dixo Ángel Moldes.

Desbloquear os remanentes

Unha obra valorada en máis de 1,8 millóns de euros, das que a Deputación achega o 80 % e o Concello faise cargo do 20 % restante, así como do custo das expropiacións necesarias para executar a obra, que rolda os 72.400 euros. Neste punto, tanto o rexedor como o presidente provincial fixeron fincapé na demanda das administracións locais ao Goberno central para que permita mobilizar os remanentes para executar investimentos estratéxicos como o que se vai facer en Poio. “Non poder gastar por facer ben as cousas é dificil de entender. Na Deputación temos 66M€ de euros de remanente e só podemos empregar unha pequena parte polo bloqueo do Goberno, que non deixan facer actuacións en beneficio dos veciños”, lamentou López.

A colaboración entre a Deputación e o Concello de Poio non se limita unicamente a este convenio de mellora da EP-0601. En materia de Infraestruturas leváronse a cabo diversas actuacións ao longo dos anos 2023 e 2024 valoradas en case 900.000€, entre as que sobresae as actuacións de mellora da seguridade viaria na EP-0603 entre Muíño e Campañó ou a reconstrución dunha plataforma na EP-0017 entre O Vao e Campañó. Ademais, este ano a través dos plans de Cooperación do organismo provincial —+Provincia, Plan Extra e Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas— o Concello recibirá un total de 1,88M€ de mans da Deputación.

A posta en marcha deste proxecto afonda no compromiso do goberno provincial de investir na modernización e mellora da seguridade viaria da rede de estradas provinciais. Unha aposta estratéxica que se ve reflexada no incremento da partida orzamentaria destinada este ano ao servizo de Infraestruturas, que medrou en 8 millóns de euros, ata situarse nun total de 24 millóns.

Publicacións Relacionadas