- Trátase dos centros comerciais abertos Estrela de Marín, de Boiro, de Ferrol, Acisa Ribadeo e a Asociación Rianxeira de Empresarios e cos seus representantes reuniuse recentemente o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González
- Forman parte dos 54 centros comerciais abertos de toda Galicia que resultaron beneficiarios das achegas deste ano a estas entidades cun investimento global de 2,3 M€, tal e como reflicte a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia
- Esta iniciativa, denominada O teu comercio local é extraordinario, destina un valor total de axuda duns 200.000 € a estas cinco propostas que acadaron as mellores puntuacións entre as presentadas polo seu carácter innovador e alto valor engadido
- Estes apoios enmárcanse no Plan estratéxico do comercio de Galicia, co que se avanzará na creación dun rexistro actualizado e na reconfiguración dos centros comerciais abertos, a prol da dinamización integral das contornas comerciais
A Xunta de Galicia recoñece as campañas extraordinarias de dinamización comercial de cinco centros comerciais abertos polo seu carácter innovador a calidade das accións e o impacto no tecido comercial local. Estas entidades son o Centro Comercial Estrela de Marín, o Centro Comercial Aberto de Boiro, o Centro Comercial Aberto de Ferrol, Acisa Ribadeo e a Asociación Rianxeira de Empresarios e forman parte dos 54 centros comerciais abertos de toda Galicia que resultaron beneficiarios da convocatoria de axudas deste ano para potenciar o labor destas entidades cun investimento global de 2,3 M€, tal e como reflicte a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia.
Cos seus representantes reuniuse recentemente o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto co director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xuntanza na que puxeron en valor esta iniciativa -denominada O teu comercio local é extraordinario– así como a excelencia, carácter innovador e calidade das súas propostas extraordinarias que acadaron as mellores puntuacións entre as presentadas e ás que se destina un valor total de axuda de preto de 200.000 euros, incluídos nos 2,3 M€ de axuda total. Estes proxectos, de alto valor engadido e impacto, deberán executarse en coordinación cos concellos e outras entidades locais.
No proceso de avaliación das solicitudes, foron especialmente valorados criterios como a existencia dun plan de comunicación estruturado, a capacidade das accións para fomentar o consumo e atraer nova clientela, así como o carácter diferenciador e o impacto previsto das propostas sobre o tecido comercial local.
Pulo aos CCA no Plan estratéxico do comercio de Galicia
Na reunión cos representantes destas entidades, o conselleiro destacou que estes apoios se enmarcan no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, co que se avanzará na creación dun rexistro actualizado e na reconfiguración dos centros comerciais abertos, desde unha perspectiva de dinamización integral das contornas comerciais. Tamén se desenvolverá un plan de formación continua para os xerentes destes centros. Esta folla de ruta do comercio galego busca consolidar un modelo comercial máis moderno, sostible e adaptado ás novas demandas da clientela e do territorio, situando aos centros comerciais abertos como pezas fundamentais e estratéxicas do ecosistema comercial.
As campañas extraordinarias
As cinco campañas extraordinarias recoñecidas no prograna O teu comercio local extraordinario teñen como fin poñer en valor, visibilizar e dinamizar o comercio local das súas respectivas zonas. A do Centro Comercial Estrela de Marín desenvolverase en outubro e consistirá en crear un escaparate colectivo de produtos e servizos de negocios da vila que se sorteará entre os clientes. Neste mesmo mes tamén terá lugar a campaña da Asociación Rianxeira de Empresarios, que incluirá descontos, agasallos, tres sorteos para premiar a confianza dos clientes dos establecementos comerciais deste municipio e actividades de animación de rúa relacionadas coa música e a gastronomía, entre outros.
O Centro Comercial Aberto de Boiro realizará a súa campaña en agosto cun sorteo entre os clientes dos comercios da vila asociados e con actividades nas rúas de Boiro. En Ribadeo, Acisa tamén desenvolverá as súas actividades de dinamización en verán e entre elas incluiranse concertos, campañas de descontos nos negocios deste concello, sorteos e outras accións en colaboración con outros sectores como a hostalería. No caso do Centro Comercial Aberto de Ferrol, realizaranse tres rutas de temáticas diferentes polos comercios da vila, actividades lúdicas e sorteos para as persoas que merquen nos negocios deste municipio. Poderase consultar máis información sobre as campañas destas cinco entidades nas súas páxinas web e/ou redes sociais.