HomePontevedraPoioO BNG de Poio alerta de que o novo ‘taxazo da auga’...

O BNG de Poio alerta de que o novo ‘taxazo da auga’ obrigará ás vivendas que teñen pozo a pagar 30 euros mensuais

- Anuncio -spot_img

Marga Caldas anuncia que o Bloque presentará alegacións a nova ordenanza fiscal do PP por ser “moi prexudicial” para a veciñanza

A nacionalista subliña que a primeira subida do recibo chegará en 2027 e continuará aumentando de maneira progresiva nos anos seguintes

O BNG vén de alertar de que o novo ‘taxazo da auga’ do Concello de Poio vai obrigar ás vivendas que teñen pozo, aínda que non estean conectadas á traída pública, a pagar 30 euros mensuais. Así o denunciou hoxe a voceira Marga Caldas, quen confirmou que o Bloque vai presentar alegacións á nova ordenanza fiscal que pretende aprobar o PP para regular o futuro prezo da auga por ser “moi prexudicial” para a veciñanza.

A nova ‘Ordenanza de prestación patrimonial da auga’ foi aprobada inicialmente en Pleno o pasado luns e hoxe venres xa foi publicado o seu anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO). Dende o luns e no prazo de 30 días o documento pode ser consultado e recibir as reclamacións oportunas.

Segundo subliña Caldas, o BNG vai presentar unha alegación “contundente” por considerar que a ordenanza vai supoñer un incremento brutal no recibo debido á privatización do servizo. A nacionalista insiste en que o Concello está agora intentando ocultar e maquillar os números reais do incremento da taxa e só fará realidade a “suba encuberta” despois das vindeiras eleccións municipais, cando o malestar da veciñanza non lle poida supoñer ao PP un prexuízo a nivel de votos: o primeiro incremento do recibo será en 2027 e continuará nos anos posteriores de maneira progresiva, chegando a duplicar os custes actuais para a xente.

As subas do recibo chegarán en moitos casos ata os 100 euros por vivenda. O consumo da auga pasará a cobrarse en dous conceptos, abastecemento e saneamento. Ademais, e como novidade, Caldas advirte que tamén se pasará a cobrar a taxa da auga á veciñanza que non está conectada á traída pública e que se abastece de pozos privados: todas esas vivendas terán que pagar 30 euros mensuais a partir da aprobación da ordenanza derivada do novo contrato da auga.

Caldas destaca que ese contrato privatiza o servizo de subministro ao cento por cento sen que o Concello poida xestionar nin ter control de maneira directa como viña facendo ata o de agora. A recadación pola auga, advirte ademais a voceira, irá para a empresa sen intervención municipal, co resultado de que a veciñanza terá que asumir unha maior carga fiscal que o Bloque considera “unha estafa para os petos das veciñas e veciños”.

“Non se pode xustificar unha suba tan esaxerada baixo o pretexto dos investimentos. Dende o Bloque estamos a favor desas actuacións, pero non podemos consentir que pola súa incapacidade de xestión Moldes deixe o servizo nas mans dunha empresa privada e, como consecuencia, a xente de Poio vexa disparado o seu recibo da auga”, advirte a voceira.

Publicacións Relacionadas