Luis López: “Somos unha casa amiga do audiovisual porque para nós este é un sector clave, motor do turismo, da cultura e da nosa economía. Imos seguir traballando para manter unha firme alianza co audiovisual”
As entidades interesadas en beneficiarse desta liña provincial de axudas, que oscilan entre os 3.000 e os 25.000 euros segundo o produto audiovisual, poderán solicitalas ata o 30 de agosto desde a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as bases de Rías Baixas Acción, a liña de patrocinios de producións audiovisuais dotada con 170.000 euros, un 61% máis que no 2024. O presidente provincial Luis López remarcou que “somos unha casa amiga do audiovisual porque para nós este é un sector clave, motor do turismo, da cultura e da nosa economía” e amosou a vontade de “seguir traballando para manter unha firme alianza co audiovisual”.
Rías Baixas Acción conta neste 2025 cun orzamento un 61% superior ao pasado ano, chegando nesta edición aos 170.000 euros co obxectivo, tal e como explicou López, de “dar un paso máis no noso apoio ao audiovisual”. Neste eido, estas axudas ás producións audiovisuais contan con dúas liñas: a primeira, dotada con 100.000 euros para o patrocinio de curtas, longametraxes e series; e a segunda, con 70.000 euros para documentais de longa duración, curtas documentais e podcasts documentais.
As entidades solicitantes poderán presentar ata dous proxectos á convocatoria e as axudas oscilan entre os 3.000 euros e os 25.000 euros, segundo o produto audiovisual. Deste xeito, destinaranse 3.000 euros aos podcasts documentais e curtas documentais, 3.500 euros ás curtametraxes, 7.000 euros ás documentais de longa duración, 15.000 euros ás series e 25.000 euros ás longametraxes. As solicitudes para beneficiarse destas axudas poderanse presentar ata o 30 de agosto e a partir da publicación das bases da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.