– O Concello de Redondela esixe a SEAGA (Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos), dependente da Xunta de Galicia, que axilice o máximo posible as xestións para proceder á tala e limpeza das denominadas “faixas secundarias” do municipio para previr incendios. Aínda están sen limpar as parcelas que corresponden ao convenio de 2024, ás que se suman as deste 2025.
– Hai xa un ano a Consellería de Medio Rural comprometeuse a facer a limpeza e tala da biomasa en Río Frío, na parroquia de Chapela, pero aínda non se realizou. O concelleiro de Medio Ambiente advirte que existe moita preocupación por parte dos veciños, e que desde o Concello ofrecen “toda a colaboración á administración autonómica para resolver esta situación”.
O Concello de Redondela esixe a SEAGA, (Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos), que axilice as xestións para proceder á tala e limpeza das denominadas “faixas secundarias” do municipio. Trátase de franxas de 50 metros ao redor de construcións e vivendas que deben manterse limpas e sen especies pirófitas, propensas a propagar lumes. Conservar estas zonas de monte correctamente “é esencial para evitar a proliferación de incendios en puntos especialmente sensibles”, sinala o concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez.
O Concello de Redondela, a Consellería do Medio Rural, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e SEAGA asinaron un convenio para a súa xestión en 2022. En base a este convenio o goberno local solicitou a comezos de ano á Dirección Xeral de Defensa do Monte “as inspeccións oportunas nas faixas secundarias de biomasa para previr incendios forestais”. A comezos do verán de 2024 a Consellería de Medio Rural comprometeuse a acometer a limpeza e tala da biomasa en Río Frío, na parroquia de Chapela, e noutras zonas próxima a vivendas. Álvarez explica que hai un total de 10 hectáreas das que está aprobada a súa limpeza desde o ano pasado, pero aínda non se realizou, e están tamén pendentes as parcelas deste 2025. O concelleiro de Medio Ambiente advirte que existe preocupación por parte dos veciños, e que desde o Concello ofrecen “toda a colaboración á administración autonómica para resolver esta situación”. O edil explica que desde o Concello de Redondela “están a facerse os deberes” e remitindo á Consellería toda a documentación que solicitan, e lamenta que a Xunta de Galicia “demore durante meses todas as tramitacións”.
O Concello elaborou en 2019 o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais que a propia Dirección Xeral de Defensa do Monte sinala que “cumpre cos requisitos que establece a normativa”. Álvarez, explica que “debe ser a Consellería de Medio Rural quen realice a xestión da biomasa e a retirada de especies arbóreas, na súa maior parte eucaliptos e piñeiros”. Descoñécese quen son os propietarios de moitas das parcelas e o Concello non dispón de medios para proceder á limpeza, “que debe realizar SEAGA, segundo o convenio”. O concelleiro confía en que os traballos se realicen “no prazo de tempo máis breve posible”.