+Xuntas é un programa provincial destinado a promover a igualdade a través de actividades formativas que chegarán neste 2025 a entidades de 56 concellos
A Deputación de Pontevedra comeza esta semana novas actividades formativas do programa +Xuntas que mobilizarán un total de tres colectivos sociais de Cangas do Morrazo, Oia e Vigo. A través desta iniciativa, a Deputación busca promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, un dos grandes compromisos e obxectivos transversais do goberno da institución provincial.
O martes serán dous colectivos os que inicien estas accións formativas. Por unha banda, 12 persoas da Asociación de Veciños de San Pedro de Matamá A Unión (Vigo) que asistirán a un obradoiro de horta ecolóxica os martes en horario de 17:00 a 19:30 horas. Pola outra, un grupo de 17 persoas da Asociación de Mulleres Rurais de Oia comezará a súa formación en alfabetización dixital en horario de 16:00 a 18:00 horas. Para rematar esta semana, 15 persoas da Asociación de Mulleres Progresistas de Darbo (Cangas do Morrazo) asistirán a partir do venres a un obradoiro de plantas medicinais en horario de 17:00 a 20:00 horas.
No marco do programa +Xuntas este ano terán lugar 207 obradoiros dirixidos a entidades de 56 concellos da provincia que traballan na promoción das mulleres e apoiando o seu desenvolvemento. O programa ten un orzamento de 325.000 euros e chegará a máis de 5.000 mulleres, xa que cada un dos cursos está dirixido a un máximo dunhas 20 ou 25 persoas. Ás entidades ofrecéronselle 26 obradoiros encadrados en catro bloques temáticos relacionados coa tecnoloxía, a creatividade, o medio natural e a saúde.
Os obradoiros de +Xuntas adxudicáronse a colectivos de Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas do Morrazo, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, A Estrada, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, O Grove, As Neves, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Portas, Redondela, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.