O mandatario provincial, acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, visita a montaxe da exposición máis importante do sector a nivel nacional, con máis de 150 expositores de 12 países, e que conta co patrocinio da Deputación
“Somos unha potencia natural, económica, turística e cultural; e a feira Stonegal é capaz de aglutinar esas catro fortalezas nun só evento”, sostén López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarca a capacidade da feira Stonegal para reflexar catro recursos nos que a provincia de Pontevedra é unha potencia nun só evento. Nunha visita ao recinto feiral Ifevi de Vigo, no que se ultima a montaxe deste evento, acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, o mandatario provincial referiuse á riqueza natural, económica, turística e cultural do territorio que queda patente nun evento que abre este martes as súas portas para exercer de escaparate internacional da capacidade da provincia para extraer e exportar granito, organizar congresos de impacto internacional e atraer visitantes ao longo de todo o ano.
“A provincia de Pontevedra é unha potencia natural, potencia económica, potencia turística, e potencia cultural; e feira é capaz de agrupalas todas nun mesmo evento”, afirmou o presidente facendo referencia ao liderado da provincia en xacementos de granito, ao volume de negocio das empresas locais deste sector, á aposta por un turismo de congresos que ao tempo potencia a economía local promociona o destino turístico e á escultura de granito rosa Porriño creada pola arquitecta Belén Moneo estreada nesta xornada previa á inauguración da feira que será o emblema da exposición. “Razóns máis que suficientes para motivar o apoio da Deputación a un evento que pon en valor os recursos naturais da provincia como é a pedra, reflexa a potencia que ten o sector na provincia e consolídanos como un destino de congresos”, enumerou Luis López. Nun sentido similar, pronunciouse a vicepresidenta provincial Luisa Sánchez Stonegal ao afirmar que se trata “dunha cita fundamental para a economía da nosa provincia e para poñer en valor a importancia que ten o sector da pedra natural no noso territorio”.
Stonegal estréase en Vigo do 3 ao 5 de xuño como a principal feira internacional do sector da pedra natural a nivel nacional. Trátase dun espazo de encontro para os profesionais do sector que reunirá a máis de 150 empresas y 3.000 expertos dunha ducia de países. Un evento de impacto global que conta co apoio da Deputación, patrocinadora da escultura de Belén Moneo, “unha obra de arte que podería estar en calquera Museo”.
Despois de recoñecer o labor dos organizadores de Stonegal e de todos os integrantes do sector da pedra natural da provincia pola promoción económica do territorio, o presidente da Deputación reafirmou o compromiso do goberno provincial cun evento que “vai ser a primeira de moitas” e convidou a toda a veciñanza a asistir a un evento que permitirá “descubrir literalmente un dos tesouros do interior da provincia: o granito do Porriño”, rematou Luis López.