HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación inicia o obradoiro de narrativa sobre o uso da primeira...

A Deputación inicia o obradoiro de narrativa sobre o uso da primeira persoa na escritura das mulleres

- Anuncio -spot_img

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, asistiu á primeira sesión desta actividade enmarcada no programa Mulleres de Palabra(s) do Ateneo pola Igualdade, impartida pola xornalista Diana López Varela no Edificio Administrativo da Deputación

A deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Sandra Bastos, asistiu este luns no Edificio Administrativo da institución provincial á primeira sesión do obradoiro de narrativa enmarcado no programa Mulleres de Palabra(s) do Ateneo pola Igualdade. A acción leva o título de “O persoal é literatura. O uso da primeira persoa na escritura das mulleres”, e está impartida pola xornalista e escritora Diana López Varela en tres sesións que terán lugar este luns, e os días 9 e 16 de xuño, en horario de 19:00 a 20:30 horas no Salón de Actos do Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra.

Sandra Bastos sinalou a importancia de “poñer en valor as mulleres escritoras para construír referentes e que as nosas nenas e mozas teñan espellos nos que mirarse”, á vez que lembrou a importancia dunha literatura “que afonde nas nosas vidas e incida na nosa experiencia como mulleres, par que os temas que nos preocupan queden formulados por escrito”.

Mulleres de Palabra(s) está enmarcado no Ateneo Provincial pola Igualdade, un programa desde o que a Deputación de Pontevedra está a investigar e a promover a divulgación artístico-cultural e científica con perspectiva de xénero. Concretamente, en Mulleres de Palabra(s) o obxectivo é “dirixir as nosas miradas ás escritoras do pasado, conectándoas coas do presente e o futuro, e ás palabras coas que contan o mundo con perspectiva de xénero”, sinalou Bastos.

Neste obradoiro as persoas asistentes aprenderán sobre o uso da primeira persoa feminina na literatura, que durante moito tempo as autoras se esmeraron en ocultar ou disimular mesmo cando os escritores varóns si se beneficiaron del nas súas creacións. Desde o uso de pseudónimos para personaxes e narradores masculinos ata as novas fórmulas da autoficción, esta acción abordará como a literatura feita por mulleres sempre estivo ligada á experiencia feminina, convertendo o persoal en literatura e transcendendo ao longo das xeracións para conservar a memoria escrita do 52% da poboación.

En “O persoal é literatura. O uso da primeira persoa na escritura das mulleres” estanse a abordar cuestións como as representacións da feminidade nos textos escritos por mulleres, a historia da literatura feminina desde o punto de vista do narrador literario e a distinción do uso da primeira persoa en distintos formatos. Tamén se clasificará a escritura das mulleres segundo os temas universais recorrentes nas súas obras, avaliarase o impacto de grandes éxitos literarios no movemento feminista e analizarase o tratamento que recibe a escritura feita por mulleres nos medios de comunicación.

Publicacións Relacionadas