Para xerar crédito para afrontar o pago dunha subvención solicitada á Xunta para arranxar unha estrada entre Castiñeiro Redondo e Marzoa, en colaboración con Oroso, e construír unha senda peonil en Añá
Unanimidade na sesión plenaria ordinaria de maio do Concello de Frades á hora de aprobar unha transferencia de crédito de 33.500 euros para xerar crédito para afrontar o pago dunha subvención solicitada á Xunta de Galicia para o arranxo dunha estrada entre Castiñeiro Redondo e Marzoa, así como a construción dunha senda en Añá. O alcalde, Roberto Rey, explicou que “son subvencións que aínda non están concedidas pero temos que dotar economicamente a parte que lle correspondería afrontar ao Concello de Frades”.
Os 33.500 euros proceden da partida de gastos de persoal, que non se cubrirá. Desa cifra, un total de 25.000 euros destinaríanse a arranxar unha estrada entre Castiñeiro Redondo e Marzoa, unha actuación que se acometería conxuntamente co Concello de Oroso e cuxa documentación está xestionando o Concello de Frades diante da Xunta de Galicia. Os outros 8.500 euros permitirían habilitar unha senda en Añá, que discorrerá entre o cemiterio e a Igrexa.
Na sesión plenaria deuse conta tamén do período medio de pago do primeiro trimestre de 2025, que foi de tan só 8,18 días.