A fronte nacionalista organiza este encontro aberto coa participación de movementos sociais e veciñanza co obxectivo de construír un novo Vigo, entre todas e para todos
O debate celebrarase este sábado 7 de xuño, a partir das 10h no Hotel Os Galeóns
O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, realizou balance no ecuador do mandato municipal: “Estes dous anos poden resumirse en inercia, falla de proxecto e incapacidade”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de convocar un Debate Veciñal sobre o Estado da Cidade diante da “xordeira autoritaria” do alcalde de Vigo, Abel Caballero. A fronte nacionalista organiza este encontro aberto coa participación de movementos sociais e veciñanza este vindeiro sábado 7 de xuño para “lograr que se escoiten as voces que algúns non queren ouvir” así como recoller propostas e alternativas co obxectivo de construír un novo Vigo, entre todas e para todos.
“Un debate co que o BNG queremos visibilizar de maneira rotunda que si hai alternativa fronte a quen non ten nada que ofrecerlle á cidade que máis do mesmo”, destacou o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, nun almorzo informativo celebrado este mércores para realizar balance do ecuador do mandato, no que estivo acompañado da concelleira nacionalista, Ana Martínez, e do concelleiro, Filipe Abalde.
Igrexas defendeu a necesidade desta iniciativa diante do rexeitamento “covarde” de Caballero a convocar o Debate do Estado da Cidade e da “continua falla de participación e diálogo” por parte do Goberno local. Afeou nese sentido que o alcalde “fuxa” do Pleno municipal, das preguntas da prensa e da propia veciñanza para impoñer un “relato de autobombo xordo e triunfalista”.
“Abel Caballero acabou por se erixir definitivamente no emperador espido, negándose a escoitar ou a considerar ningunha proposta, instalado no monólogo sectario e no populismo máis ridículo que só busca facerse viral para alimentar o seu ego”, lamentou Igrexas, acusando ao alcalde de “confundir Vigo co seu embigo”.
Fronte a esta situación, dende a fronte nacionalista animaron ás viguesas e vigueses a participar deste debate aberto a todo o público e que se desenvolverá arredor de tres grandes eixos temáticos: vivenda e política social; transporte e medio ambiente; e participación, lingua e cultura. “Queremos transformar o descontento en acción para mudar as cousas, poñendo en común liñas de acción e propostas para abordar as principais problemáticas e necesidades da cidade”, afirmou.
O portavoz nacionalista chamou a sumar apoios ao proxecto aberto, transformador e en positivo do BNG, no camiño de avanzar cara a un Vigo máis habitábel, moito máis verde, socialmente xusto e igualitario e que asuma o papel que lle corresponde como motor dunha nova Galiza. “Esa vai ser a folla de ruta nos 724 días que restan até as vindeiras eleccións municipais de 2027, que o Bloque encaramos con enerxía e cun proxecto sólido, desde a fortaleza de sermos a forza á alza na nosa cidade”, salientou.
Inercia e falla de proxecto
Cando se cumpren dous anos dos últimos comicios municipais, o BNG realizou tamén unha valoración do actual mandato municipal. Un balance que as nacionalistas resumen en “inercia, falla de proxecto e incapacidade na xestión” por parte do Goberno municipal. “A pesar da súa avultada maioría absoluta tense demostrado absolutamente inútil á hora de atender as necesidades reais das viguesas e dos vigueses”, reprochou Igrexas.
Sinalou como exemplo que, nos últimos dous exercicios, o Goberno local deixou sen executar máis de 200 millóns de euros do orzamento municipal. “Non é aforro, son 200 millóns de anuncios que acabaron en promesas incumpridas, que non pasaron de grandes titulares ou vistosas infografías”, matizou o voceiro do Bloque.
Cero vivendas en 18 anos
Para o BNG a falla de resposta diante da emerxencia habitacional na cidade e do aumento disparados dos prezos dos alugueiros en Vigo é un dos capítulos que evidencia de forma máis clara a “política de brazos caídos” do alcalde. “Abel Caballero prometeu en 2007 como candidato que ía facer 6 mil vivendas protexidas e 18 anos despois non fixo ningunha”, denunciou.
Na mesma liña, Igrexas acusou o Goberno local de a “virarlle as costas” á situación social, con 1 de cada 5 viguesas e vigueses en risco de exclusión social, cos servizos sociais municipais colapsados con esperas de até 8 semanas para unha cita. Criticou que, con case 15 mil persoas no desemprego, decidise recortar o Plan de Emprego Municipal, destinando máis recursos a subvencionar aeroliñas privadas que a promover a inserción laboral en Vigo. Ou que destine apenas 3 mil euros ao ano, menos do que se gasta a alcaldía en gastos protocolarios, a campañas contra a violencia machista a pesar do clamor das masivas mobilizacións feministas na cidade.
Privatizacións e Vigo gris
Outra das eivas que centraron as críticas nacionalistas é a política de privatización do Concello, facendo que hoxe 2 de cada 3 euros municipais se destinen a empresas concesionarias e contratas. “Un modelo ruinoso para a cidade, nefasto en termos de servizo público, e que só beneficia a grandes empresas”, valorou o portavoz do BNG, sinalando como “exemplo clamoroso” a situación do servizo de autobús urbano cunha nova prórroga a Vitrasa malia o recorte de 250 frecuencias diarias dende 2019.
Dende a fronte nacionalista cuestionaron tamén o empeño de Caballero por “impoñer
o gris do cemento e do asfalto” en Vigo, denunciando o arboricidio permanente ou a renuncia a recuperar completamente o areal de Samil, entre outras actuacións. Como evidencia, Igrexas sinalou o novo Plan Xeral “elaborado na escuridade dos despachos ao servizo dos poderosos intereses dos de sempre”, lembrando que vai tronzar as parroquias rurais da cidade con proxectos innecesarios como a nova autovía ou o vial PO-010.
Desertización cultural e deportiva
O grupo municipal do Bloque puxo tamén en cuestión a “desertización cultural” causada polas políticas do Goberno municipal, con proxectos de bibliotecas sen libros, con museos perdendo visitas cada ano e cunha “escasa” programación na que insiste na súa “galegofobia” e no seu “desprezo” polas artistas locais.
En relación á política deportiva, alertou de que moitas das instalacións deportivas da cidade “están a caer literalmente a cachos” e con peches por falla de persoal. “O mesmo Goberno que fixo da candidatura de ser sede do Mundial unha das súas grandes bandeiras, é incapaz de abrir o ximnasio do Carme e do Berbés, ten as pistas de atletismo nun estado ruinoso e leva tres anos coa piscina de Teis pechada”.
Moito máis que 3
Igrexas denunciou ademais o avance na “degradación institucional” do Concello de Vigo por parte do alcalde, lembrando o “escándalo sen precedentes” do caso Guns N’ Roses, os continuos desprezos cara a representación democrática da cidade e a vulneración do dereito das forzas da oposición a exercer unha verdadeira fiscalización.
Dende o BNG puxeron en valor o traballo realizado polo grupo nacionalista durante os dous anos de mandato municipal, con máis de 664 propostas e iniciativas presentadas. “Comprometémonos a ser moito máis que 3 asentos no Pleno, pateando a cidade, barrio a barrio, parroquia a parroquia, cun permanente contacto co tecido asociativo, con traballo, e rigor por dar voz a quen outros queren silenciar”, destacou o portavoz nacionalista.
“Con toda humildade, pero sen falsa modestia, cremos que estivemos á altura facendo que o BNG lidere na práctica a oposición, fronte a un PP reducido a brigada de propaganda dunha Xunta que insiste en castigar Vigo”, remachou Igrexas.