HomePontevedraBaixo MiñoViaxe ao pasado no Rosal cunha nova andaina interpretativa por Marzán e...

Viaxe ao pasado no Rosal cunha nova andaina interpretativa por Marzán e o Castro do Pico da Bandeira

- Anuncio -spot_img

O Concello abre as inscricións para participar o 21 de xuño nesta ruta que combina natureza, historia e grandes paisaxes

As pegadas do pasado agroman en cada recuncho do Rosal. O Concello convida a descubrilas na cuarta andaina interpretativa deste 2025, unha ruta que se celebrará o sábado 21 de xuño cun percorrido que levará ás e aos participantes polos sepulcros antropomorfos de Marzán, a Ermida de San Vicente e diferentes petróglifos e restos do castro do Pico da Bandeira para bordear a fronteira co municipio da Guarda e culminar no Alto de Torroso cunhas vistas espectaculares da foz do Miño e do océano Atlántico.

José Carlos Martínez Crespo, concelleiro de Turismo, anima á veciñanza e ás persoas visitantes a non perder esta nova oportunidade de gozar dunha experiencia que combina actividade física, paisaxe e patrimonio: “As andainas interpretativas do Rosal son unha maneira única de conectar coa nosa historia e co noso territorio. Cada paso que damos por estes camiños lévanos tamén a coñecer mellor quen somos e de onde vimos”, destacou.

A ruta, de 9 quilómetros e dificultade media, está deseñada para persoas cun mínimo de forma física e sen problemas de mobilidade. A saída será ás 10.00 h e a actividade rematará ás 13.30 h aproximadamente. “Agardamos que sexa unha xornada de convivencia e aprendizaxe compartida, onde descubramos xuntos os tesouros materiais e inmateriais do noso pasado”, explica o edil.

Con prazas limitadas, as persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente, a través do formulario habilitado na web do Concello ou no Rexistro. Unha vez pechada a inscrición, enviarase por correo electrónico toda a información práctica, incluíndo o punto de saída, recomendacións sobre roupa cómoda, comida, auga e a declaración responsable necesaria para participar.

Publicacións Relacionadas