– O centro inaugurou un retrato do ilustre galeguista realizado e doado ao centro por Ángel Barros. A filla de Alexandre Bóveda, Amalia, inaugurou a obra xunto ao pintor redondelán, quen explicou que se trata dun retrato “inacabado intencionadamente, porque tamén a vida de Bóveda quedou inacabada”.
O CEIP Alexandre Bóveda, en Chapela, celebrou hoxe o aniversario do ilustre galeguista que dá nome ao centro. O colexio viviu unha xornada moi emotiva na que participaron Amalia Bóveda e Valentín García, filla e o neto de Alexandre Bóveda. Co Alalá das Mariñas, interpretado por Erica Iglesias, deuse inicio aos actos. O artista redondelán Ángel Barros doou ao centro un retrato de Bóveda, que se presentou esta mañá coa participación do pintor. O propio Barros explicou que o retrato é unha obra “inacabada intencionadamente, como un símbolo, porque tamén a vida de Bóveda quedou inacabada”.
A alcaldesa, Digna Rivas, felicitou ao centro pola iniciativa e lembrou o papel de Alexandre Bóveda “na defensa dos dereitos do pobo galego e da democracia”. Rivas animou a nenos e nenas a seguir o exemplo de Bóveda “e aprender, coñecer o mundo e ler moito, porque o saber é un dos tesouros máis importantes da vida”. A rexedora agradeceu á familia de Bóveda a súa presenza e dixo sentir neles “a dignidade da memoria histórica e a lembranza das persoas que deron a súa vida pola democracia”. No acto participaron tamén Manuel Puga, neto de Ernestina Otero, Rosalía Polo, inspectora de Educación, e Xurxo Martínez, técnico de Normalización Lingüística. Alumnado do centro protagonizou unha emotiva peza teatral e non faltou a música, co alumnado cantando o “parabéns para ti” a Bóveda e o himno galego interpretado polo Carunchos. A directora do centro, Noemí Moreira, agradeceu aos convidados e a toda a comunidade educativa a súa implicación nesta celebración.
Os actos continuarán no CEIP Alexandre Bóveda o venres, 6 de xuño, cun serán aberto a toda a comunidade educativa. Será a partir das 18.30 horas coa participación do grupo folclórico Anaquiños de Chapela.