A vicepresidenta Luisa Sánchez recibiu a Aranda na sede de Vigo e puxo en valor que “é unha persoa que vive por e para o deporte”, ademais de ter experiencia en disciplinas maioritarias e minoritarias
A nova directora, Xisela Aranda, asegurou que “incorporarei a miña traxectoria como deportista de base e de elite para axudar os deportistas e lograr que confíen en nós”
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, presentou este mércores na sede de Vigo a nova directora de Deportes, Xisela Aranda, que se incorpora á institución provincial tralo seu paso polo Consello de Administración do RC Celta de Vigo, do que formaba parte desde finais de 2023 e no que destaca o seu rol na creación das Celtas. “Os equipos refórzanse no verán e nós fixemos esta fichaxe ás súas portas”, valorou a vicepresidenta.
Luisa Sánchez sinalou que o nomeamento de Aranda como directora de Deportes é “un momento importante para a Deputación” co que se culmina “un proceso que iniciamos fai aproximadamente un mes para a provisión deste posto co sistema de libre disposición”. A vicepresidenta sinalou que se presentaron 11 persoas, das cales sete cumpriron todos os requisitos, que foron revisados por un órgano técnico. Xisela Aranda, asegurou Sánchez, “é un perfil que vén reforzar a área de deportes da Deputación, que é ademais a máis estratéxica de todas as do noso goberno”.
Luisa Sánchez indicou que “estabamos buscando un perfil que xa dinamizara e xestionara proxectos deportivos con éxito, que fose unha persoa que vive por e para o deporte e que ademais tivese experiencia tanto en deportes maioritarios, como neste caso o fútbol, e outros minoritarios, como o squash onde chegou a ser 11 veces campioa galega e tamén campioa española”. A vicepresidenta da Deputación asegurou que como directora de deportes “Xisela Aranda vén sumar e aliñarase coa estratexia que estamos a seguir no deporte base, o deporte de elite e os grandes eventos”. “Imos facer grandes cousas e imos desenvolver toda a liña que iniciamos nestes dous últimos anos para toda a provincia”, asegurou a vicepresidenta.
Pola súa parte, Xisela Aranda agradeceu a Deputación “por considerar o meu proxecto” e puxo en valor que, como directora de Deportes, “incorporarei o meu punto de vista como deportista que viviu a base e o alto rendemento”. Neste sentido, considerou que “empatizo cos deportistas, sei das necesidades e carencias que pasan, e sei o que é viaxar soa enfrontándote a que che falte a ilusión por continuar”. Por iso, asegurou, “é fundamental poñer os deportistas no centro para que todos os que estamos arredor rememos na mesma dirección, para coñecelos, saber das súas necesidades, axudalos e que confíen en nós”. Aranda asegurou que “veño con moitas ilusións pero tamén con estratexia, visión e responsabilidade porque nas mans deste equipo están moitos soños”. Co seu nomeamento, indicou a nova directora de Deportes da Deputación, “comezamos un camiño moi bonito que seguro que nos dará moitas alegrías”.