O Concello de Pontevedra, a través do Centro de Información á Muller (CIM), estivo a desenvolver durante este curso un amplo programa de obradoiros de sensibilización en igualdade nos centros educativos da cidade. A iniciativa leva xa máis de 750 alumnas e alumnos participantes en diferentes niveis educativos, desde Primaria até Bacharelato e Formación Profesional.
No ámbito da Educación Primaria, os obradoiros chegaron xa a máis de 200 estudantes dos centros CEIP Manuel Vidal Portela, CEIP San Martiño e CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez, e nos vindeiros días desenvolveranse tamén no CEIP Froebel, CEIP Plurilingüe Praza de Barcelos e CEIP Campolongo.
As temáticas tratadas inclúen a educación afectivo-sexual, a corresponsabilidade no fogar e a detección do machismo, a través das propostas didácticas: Sexualidade con I de Igualdade, Machismo Game Over e Xincana da Corresponsabilidade.
En Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO), máis de 350 estudantes de seis centros (IES Luís Seoane, IES A Xunqueira, IES Valle Inclán, IES Frei Martín Sarmiento, Centro Sagrado Corazón de Placeres e o IES Valle Inclán) participaron en obradoiros como Hackeando ao machismo, Buzón Vermello e Gamers e Influencers, que abordan temas como os estereotipos de xénero nas redes sociais, o acoso, o consentimento e a cultura dixital desde unha perspectiva feminista.
En Bacharelato e Formación Profesional, as actividades chegaron a máis de 200 alumnas e alumnos dos centros CIFP Carlos Oroza, CIFP Montecelo, IES Frei Martín Sarmiento e CIFP A Xunqueira, con charlas como Trivial: Canto sabes de educación sexual?, Outra charla de igualdade? e ERROR 404: Igualdade not found, que ofrecen espazos de reflexión crítica e diálogo adaptados á realidade xuvenil.
Estes obradoiros, que se están a impartir ao longo de 2025, teñen como obxectivo promover a igualdade real entre mulleres e homes desde idades temperás, xerando conciencia e ferramentas para identificar e combater o machismo nas súas múltiples formas. A resposta do alumnado e do profesorado está a ser moi positiva, e dende o CIM destacan o valor deste tipo de intervencións para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.