O presidente provincial salienta a combinación dos fondos do Plan Extra e o +Provincia para executar un proxecto estratéxico que transformará o espazo público da localidade
A colaboración prevista para este ano do organismo provincial co Concello de Meis a través dos plans de Cooperación supera o millón de euros
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar o convenio de colaboración co alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, para a humanización da Rúa Igrexa, un espazo comprendido entre a Praza de España e a conexión coa EP-9402 neste municipio do Salnés. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Giráldez selaron un acordo a través do cal o organismo provincial financia a totalidade dos máis de 480.000 euros dos que está valorada a obra cunha achega de 410.800€ a través do Plan Extra e co aporte de 72.500€ para cubrir a parte correspondente do Concello a través do Plan +Provincia. “É unha obra financiada ao 100% pola Deputación, son pasos que estamos a dar para que os concellos se beneficien de todos os recursos que poñemos a súa disposición”, remarcou López.
O proxecto consiste na humanización da rúa a través da habilitación dun espazo para a mobilidade ciclista e peonil. Unha intervención que busca unha mellora da seguridade viaria nunha contorna moi empregada como acceso a diversos equipamentos do Concello. Así mesmo, o proxecto tratará de poñer solución á falta de uso do espazo público por parte dos peóns a través da redución da velocidade nas estradas que atravesan o núcleo de Mosteiro. De xeito complementario, está previsto tamén o soterramento das redes de alumeado público, así como a substitución das luminarias actuais por outras máis eficientes con tecnoloxía LED para mellorar a imaxe do viario. Solución importante as carencias que había. “Onde so circulaban vehículos, agora o poderán facer os peóns, é algo que sempre agradecemos nestes proxectos estratéxicos que subvencionamos”, incidiu o presidente provincial.
A colaboración da Deputación co Concello de Meis non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial máis de un millón de euros a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.