Os deputados provinciais Belén Cachafeiro e Ricardo Martínez anunciaron hoxe no concello que a actuación estará financiada ao 100% con recursos do Plan +Provincia que se aprobarán na Xunta de Goberno deste venres
Os deputados provinciais Belén Cachafeiro e Ricardo Martínez anunciaron en Forcarei que a Deputación se encargará de financiar integramente a mellora das marxes e da drenaxe nas vías municipais dos núcleos de Pardesoa, Malburgo e A Grela. A Xunta de Goberno aprobará este venres unha achega de preto de 113.000 euros para impulsar esta actuación con recursos procedentes do Plan +Provincia. Nesta anualidade, este programa provincial destina á vila un total de 681.528 € e, no caso da liña 1 de investimentos, máis de 477.069 euros.
Belén Cachafeiro deu conta dos traballos que Forcarei levará a cabo con estes fondos provinciais e que permitirán mellorar a accesibilidade e seguridade nas vías municipais situadas en Pardesoa, Malburgo e A Grela. As principais obras nos tres núcleos consistirán na limpeza, perfilado e refino de foxos, así como na construción de novos foxos de formigón. Máis concretamente, en Pardesoa as tarefas despregaranse en 340 metros de lonxitude dunha vía municipal e procederase á canalización para a drenaxe de augas pluviais; en Malburgo actuarase en 215 metros e substituirase o pavimento e, no caso da Grela, os traballos abarcarán 137 metros incluíndo a construción de soleiras de formigón.
A deputada provincial destacou que co Plan +Provincia, “a mellor representación da filosofía do noso goberno, baseada no respecto máis absoluto á autonomía municipal, os concellos deciden libremente a que queren dedicar os recursos que poñemos a súa disposición”. Belén Cachafeiro lembrou que con este programa “a Deputación busca modernizar as nosas vilas con actuacións transformadoras como esta en Pardesoa, Malburgo e A Grela que melloran a calidade de vida da súa veciñanza e que se traduce nun avance da provincia sen precedentes”.