Equipos galegos e portugueses miden as súas forzas este sábado 7 nesta proba organizada polo Club Ciclista O Rosal coa colaboración do Concello
O Rosal volverá latexar ao ritmo das bicicletas esta fin de semana co XIV Trofeo Montes do Rosal, unha cita xa consolidada no calendario do ciclismo base e que reunirá a máis de 250 corredores e corredoras de distintas categorías nun circuíto de 1,5 km de lonxitude no que se disputarán as diferentes mangas.
Este sábado 7 a Praza do Calvario converterase no centro deste trofeo organizado polo Club Ciclista O Rosal en colaboración co Concello. A partir das 16.00 horas comezarán a realizarse varias probas en liña: promesas masculina/feminino dende Camiño Gandarela (600 m), principiantes masculino e feminino cunha volta ao circuíto e 1.600 m de percorrido, alevíns masculino e feminino con tres voltas e un percorrido de 4,8 km, infantís masculino e feminino con sete voltas e 11,2 km en total e cadetes, con 15 voltas ao circuíto e un percorrido total de 24 km. Tamén se celebrará a proba en circuíto Junior Mas – Élite e Sub23 Fem, cun percorrido total de 40km.
O concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, destacou o compromiso do Concello co deporte de base e a importancia “de seguir apostando por este tipo de eventos que non só fomentan o deporte entre a mocidade, senón que tamén dinamizan a nosa vila e fortalecen os lazos entre escolas deportivas de Galicia e Portugal”. E é que o XIV Trofeo Montes do Rosal conta cunha grande aceptación por parte das e dos ciclista e contará cunha destacada presenza de equipos portugueses, cun total de 36 participantes.
O Club Ciclista O Rosal salientou que “é un orgullo para nós acoller no noso pobo á familia de ciclismo de escolas de Galicia e dos nosos veciños lusos. Será unha tarde de emoción no que a directiva, nais, pais e familias portemos todo da nosa parte para que sexa unha xornada de ciclismo perfecta”. Tamén quixo salientar o esforzo diario que fan todas as escolas de ciclismo no traballo diario cos pequenos e pequenas ciclistas e aplaudir a súa participación na proba.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, quixo agradecer ao Club Ciclista O Rosal “o seu traballo coa canteira e o deporte base e o inestimable labor que realizan a diario para seguir organizando no municipio probas e campionatos que atraen a moito público afeccionado ao ciclismo, así como a inestimable colaboración da veciñanza na celebración desta e doutras probas deportivas que se celebran no municipio”.