Concertos de diferentes estilos, espectáculos de rúa, festivais, maxia, monicreques, teatro, circo, rutas, deportes, obradoiros e cursos son algunhas das actividades que se poderán desfrutar
Concertos en igrexas románicas, festivais de bandas de música, espectáculos de rúa con maxia, teatro e monicreques, contacontos, cine e artes circenses; cursos, obradoiros e rutas polo patrimonio e a natureza, compoñen os catro ciclos nos que se divide a axenda de verán 2025: Son&Serán, Música&Románico, PequeVerán e OAlivio. Unha morea de actividades para distintos públicos que non deixarán indiferente a ninguén.
A axenda arranca neste mes coa presentación de fin de curso da Escola de Teatro do Concello. O vindeiro domingo (8 de xuño) ás 18.30h no auditorio municipal, o Grupo Infantil porá en escena “A casa dos gatos” e, a continuación, o Grupo Xuvenil 1 subirá ao escenario con “Os trasnos do Pitocairo”. O seguinte domingo (15 de xuño) actuará o Grupo Xuvenil 2 ás 19.00h coa obra “XL Pánico en Casa Pepe”.
Tamén en xuño teremos a 2ª edición do Festival Miñomáxico Tomiño (días 14, 15, 20, 21 e 22)
e pechando o mes, o guitarrista Pakolas (domingo 29) coas cancións “Máis Molonas”.
Xa en xullo, o venres 4, concerto da soprano viguesa Beatriz Riobó na Igrexa de San Vicente de Barrantes, acompañada pola organista Marta Barreiro e o guitarrista José Manuel Barbosa. Tamén participarán neste ciclo, noutras datas, o conxunto de música galega “Lulavai” (18 de xullo) e Álvaro Iglesias Trío (24 de xullo).
O sábado 5, tempo para o deporte co Gladiator Race Junior, carreira de obstáculos no Espazo Fortaleza de Goián, para persoas de entre 3 e 17 anos. Ese mesmo día, de 10 a 12 da mañá, primeira etapa (Amorín) das catro rutas “As pegadas do pasado no presente”.
Tamén en xullo terá lugar o Encontro de Bandas de Música de Goián; a IV edición Operación Triunfiño e o XXX Encontro dos Pobos.
En agosto haberá tres propostas de cine familiar e os espectáculos Títeres Alakrán, Cris Collazo, Cris de Caldas, Peterpunk e concerto da Agrupación Musical de Goián, entre moitos outros.