O Concello de Tomiño quere aclarar, ante as recentes declaracións do Partido Popular local, os seguintes aspectos en relación ao proxecto do Espazo Isaura Gómez:
- O Espazo Isaura Gómez é un proxecto fundamental para o desenvolvemento cultural e social de Tomiño. Trátase dunha infraestrutura que acollerá non só a biblioteca senón tamén servizos como a Aula Cemit ou Atención Temperá. Foi deseñado a través dun proceso participativo no que tomaron parte máis de 300 persoas, incluídos os membros da oposición e sempre foi unha iniciativa aberta, transparente e construída coa implicación directa da veciñanza.
- O financiamento desta infraestrutura foi asumido integramente polo Concello de Tomiño e pola Deputación de Pontevedra, ante a negativa da Xunta de Galicia —gobernada polo Partido Popular— a participar, malia as múltiples reunións e peticións de cooperación por parte do goberno local. Grazas a este esforzo institucional, hoxe o proxecto atópase na súa fase final, coa dotación de mobiliario e traballo de arquivo e fondos. A este respecto, o único retraso sufrido viu derivado pola falta de compromiso e financiamento por parte da Xunta de Galicia, situación que só puido superarse grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra a través dun Plan Especial.
- No contexto actual, é importante lembrar que as contratacións están suxeitas á lei de estabilidade orzamentaria, a taxa de reposición non permite incorporar novo persoal sen antes amortizar as correspondentes prazas, é dicir, habería que prescindir de prazas de operarios que se xubilan ou eliminar prazas existentes. Ante a falta de persoal do concello, non parece lóxico prescindir de persoal para as tarefas esenciais para cubrir este novo servizo. De momento esta contratación é a opción máis viable e a máis áxil.
- Apelamos á responsabilidade do PP que intenta difamar o proxecto da biblioteca, mesmo antes de que comece, como fixo co proxecto da Praza do Seixo, recollendo sinaturas para que no saíra adiante, ou actuando en contra do proxecto da Avenida do Baixo Miño. Os feitos demostran que o PP está sistematicamente en contra do que sabe que vai funcionar en Tomiño.
- Resulta chamativo que quen promove a privatización da sanidade pública e recorta servizos esenciais en Galicia pretenda agora dar leccións sobre a xestión dun servizo ao que cualifica de “básico”, pero ao que destinou 0 euros. Se o Partido Popular de Tomiño estivese realmente preocupado polo funcionamento da biblioteca, tería apoiado o proxecto cando máis se precisaba que foi nos seus inicios, se daquela non o fixeron pregamos que agarden a ver como funciona antes de criticalo.