A vila do Corpus convértese por segundo ano consecutivo no único concello galego en participar nesta iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Un 50% das mozas e mozos participantes no 1º programa Xuventude Mentoring na Empresa foron contratados para seguir traballando nas empresas onde realizaron as súas prácticas, un dato que anima aos 12 participantes que hoxe comezaron o 2º programa Xuventude Mentoring na Empresa en Ponteareas.
A vila do Corpus convértese por segundo ano consecutivo no único concello galego en participar nesta iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Para dar a benvida ao programa estivo a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, que felicitou ao Concello polo “impecable proxecto presentado, digno dun sobresaínte e que acadou novamente a confianza da Consellería avalado ademais por datos moi favorables como o 50% de inserción laboral do anterior programa”. Tanto a directora xeral como o segundo tenente de alcaldesa, Jesús Cao, e o concelleiro de Xuventude, Cristian Montes, agradeceron ás empresas participantes a súa colaboración “sendo eixos fundamentais para desenvolver este proxecto que dá unha oportunidade á xuventude e promove salvar a barreira do primeiro emprego”.
O Xuventude Mentoring na empresa ofrecerá un contacto laboral nos sectores das enerxías renovables, téxtil, automoción, naval, tecnoloxías da información e comunicación e madeira/forestal segundo informa a concelleira de Emprendemento, Silvia Fdez. Táboas.
Nove empresas, doce alumnas/os traballadores, a Consellería e o Concello son exemplo de xestión e colaboración para acadar un ben común, o emprego. Sinala a alcaldesa, Nava Castro, que é imprescindible traballar en equipo, tecendo redes con toda a cidadanía, co comercio, coa industria, co outras administracións “porque non vivimos illados e todas e todos dependemos dos demais, hai que escoitar, deixarse aseorar, estar en continua aprendizaxe e ter iniciativa para acadar beneficios”.
A alcaldesa engade que entre os obxectivos está provocar conexións entre a oferta e a demanda e posibilitar que a xuventude atope o seu traballo na súa contorna. “Apostamos pola xuventude, xeramos accións que os promovan, que supoñan plataformas de lanzamento e de aprendizaxe, que poidan formarse na súa vila a través de talleres, da UNED, do centro de dixitalización ou quen emprendan no espazo coworking do CEDEP”
Xuventude Mentoring na Empresa
O programa Xuventude Mentoring na Empresa ofrece estadías formativas para persoas mozas en empresas ou entidades públicas ou privadas, vinculadas a sectores económicos estratéxicos de Galicia.
A finalidade deste programa é reforzar a empregabilidade e as habilidades e competencias profesionais das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, contribuíndo á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional para a súa incorporación ao mercado de traballo.
Entre os obxectivos que persegue está potenciar os programas de educación non formal en que as persoas mozas adquiran os coñecementos e habilidades máis demandados no contexto laboral actual; achegar as persoas mozas á realidade empresarial e mellorar a súa autonomía persoal e crear un ecosistema favorable á creación de oportunidades de emprego xuvenil. Ademais quere favorecer a captación e retención de talento en sectores económicos clave para a economía galega.