O I CONCURSO INTERRACIAL DE MANEXO DO PORCINO: PORCO CELTA VS GOCHU ASTURCELTA, ACTIVIDADES DO CAN DE PALLEIRO, O CONCURSO DE TORTILLA ESPAÑOLA OU UN ASOMBROSO ESPECTÁCULO CON CABALOS, PONIS, AGUIAS E CANS SÚMANSE HOXE AO CERTAME, ENTRE OUTRAS PROPOSTAS
A 47ª feira Abanca Semana Verde de Galicia, a cal pecha hoxe as súas portas, conta nesta xornada cun amplo programa no que numerosas propostas súmanse tanto ás celebradas todos os días como ás que se incorporaron onte, sorprendendo de novo aos visitantes.
En canto ás actividades caninas, centrada en axilidade celebrouse a IX Proba da liga Autonómica de Agility e distintas exhibicións, mentres que de beleza levouse a cabo o XVIII Concurso Nacional Canino Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia. Tamén o Can de Palleiro realizou o seu XXXI Concurso monográfico.
Respecto a propostas ecuestres, esta mañá rematou o XII Concurso Internacional de Cabalos de Pura Raza Árabe, denominado Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C,), e celebrouse de novo un taller sobre coidados do poni onde os nenos puideron cepillalos, facerlles trenzados ou pasealos á corda. Esta tarde, para cerra a feira, e tras o éxito do ano pasado, volverá o Show de Paco Martos, un sorprendente espectáculo con cabalos, ponis, aguias e cans no que participará unha vintena de animais en varios números moi dinámicos de doma en liberdade que combinarán a doma de alta escola con exercicios tan arriscados como a “posta húngara”.
Ademais, as propostas sobre rodas están presentes, celebrándose exhibicións e cursos gratuíto de skateboarding e un show de motor a cargo do pioneiro do freestyle motocrós en Portugal, Paulo Martinho. Súmase o VI Open Internacional de Xadrez, no que están a competir 167 xogadores en cinco categorías, incluídos tres Grandes Mestres como son David Lariño, Vladimir Petkov e Fernando Sánchez, e tamén dez titulados da Federación Internacional.
Por outra banda, na área gandeira esta tarde celébrase o I Concurso Interracial de Manexo Porcino: Porco Celta vs Gochu Asturcelta. Unha orixinal competición na que representan a cada raza o pontevedrés Anxo Calviño (de Vila de Cruces), que conta con 8 anos e concursará con Galiciña, e a asturiana Sara Blanco (de Oviedo), de 14 anos e que estará acompañada por Ivana.
Salóns paralelos
O Salón de Alimentación do Atlántico está a ofrecer atractivas propostas, entre as que hoxe destaca o V Concurso Popular de Tortilla Española D.O.P Baena, numerosos showcookings, como o da influencer e participantes de Masterchef 8 Sara Lúa, e demostracións como a de coctelería “Do alambique á barra, viaxe da augardente de Galicia”, a cargo de Sonia García, mellor camareira do norte de España e gañadora de Jóvenes Barmans 2025, e de Gabriel Vilar, campión Galego de Coctelería en varias ocasións e segundo mellor barman de Galicia 2025. Tamén en Turexpo Galicia e Festur destacaron actividades das festas de interese turístico, como as degustacións do Carneiro ao Espeto de Moraña, Pan de Cea, Patacas de Coristanco ou Bonito de Burela, ademais de demostracións de palilleiras de Camariñas e do Entroido dous Xenerais do Ulla.
En canto á feira de caza, pesca e natureza, Fecap Abanca, os visitantes puideron defrutar hoxe da Mostra, Desfile e Presentación de Cans de Caza de Galicia, dunha demostración de montaxe de pesca a cargo dos especialistas José Antonio Vinuesa e Alejandro Puente ou dun concurso de lance de mosca, ademais das actividades celebradas todos os días.
Por outra banda, o salón de beleza e estética Intermax Beauty Show, acolleu tres talleres de técnicas de styling masculino e feminino con expertos do sector. Un deles por parte de Jesús Vázquez, formador para diversas marcas e gañador do premio Imaxe Galicia a mellor colección masculina. Sumouse Sara Serantes, directora xeral de Innusual, CEO de Ssctrainer Formacións e formadora de química e cosmetología e do Máster Bioquímica e Físico da Cor para toda Europa. Tamén dirixiu outro dos talleres Pablo G. Sanmartín, mellor barbeiro menor de 25 anos nos premios Imaxe Galicia, ademais de formador en Chile
Ademais, neste salón tivo lugar a conferencia “Autocuidado, benestar e oportunidade de negocio”.