Marga Caldas advirte de que é “moi necesario” crear unha rotonda de acceso a Campelo no cruce coa PO-308 co camiño de Albar pola grande inseguridade actual e porque facilitará tamén a entrada cara o centro de saúde da Granxa
O BNG vén de solicitar a Moldes que aclare se a nova glorieta que se construirá na PO-308 para dar entrada ao supermercado Lidl vai anular a prevista durante o goberno do BNG para o cruce da Coruxa e Albar, apenas 300 metros máis adiante. A voceira Marga Caldas subliña que a intersección da Coruxa é unha das máis perigosas no municipio, motivo polo que o BNG na Alcaldía propuxera crear alí unha nova rotonda para organizar o tráfico, mellorar o acceso xeral a Campelo e facilitar a mobilidade cara ao futuro centro de saúde de A Granxa.
Marga Caldas é crítica co alcalde de Poio por vender “como un logro propio” a instalación do Lidl no municipio cando se trata dunha iniciativa privada que xa estaba en tramitación no anterior mandato. “Vende ata o que non lle toca”, subliña, destacando que é necesario que o rexedor dea a coñecer non só as bondades do proxecto do supermercado, senón tamén a súa afección á estratexia de seguranza viaria xeral para o concello. Neste sentido, a voceira do Bloque insta a Moldes a explicar se a nova glorieta afectará á construción da rotonda que xa estaba prevista no anterior mandato para a entrada da Coruxa.
A nacionalista apunta que o BNG, estando na alcaldía, incluíu no plan de infraestruturas locais a construción dunha glorieta nese punto para facilitar o acceso ao futuro centro de saúde en A Graña e, en xeral, para mellorar o acceso a Campelo. A redacción do proxecto estaba prevista para 2024 e para este 2025 a intención das nacionalistas era que a rotonda estivese en obras.
Sen embargo, advirte Caldas, non se coñece ningún tipo de avance nesta construción tan demandada polas veciñas e veciños da zona. “A xente que vive na zona está a ser prexudicada. Anúnciase a glorieta do Lidl, pero, para cando vai ser realidade a da Coruxa? Vaise descartar agora? Cando se vai dar o primeiro paso para construíla? Por que se prioriza unha actuación privada e non se atende o interese xeral?”, pregunta Caldas.
A concelleira do Bloque subliña que, con estes últimos movementos de Moldes, reafírmase aínda máis a sospeita do BNG de que o Partido Popular non quere construír o centro de saúde na Graña. “Non hai intención de facer os accesos tan necesarios para a veciñanza de Campelo nin hai intención de facer unha entrada segura para o novo ambulatorio porque tampouco hai intención de que o consultorio se faga alí”, sentenza.
Caldas solicita a Moldes que atenda as necesidades básicas da veciñanza e presente un estudo de viabilidade que garanta que a nova glorieta do Lidl, que beneficiará unicamente ao centro comercial, non freará o desenvolvemento da ordenación do tráfico no cruce posterior, que si afecta a un grande número de veciñas e veciños.