HomeOurenseOurenseO Concello pon en marcha o proceso para abrir ao público as...

O Concello pon en marcha o proceso para abrir ao público as termas das Burgas, con xestión directa ou cunha licitación

- Anuncio -spot_img

O goberno municipal optará pola xestión directa se os grupos da oposición están de acordo

O alcalde convoca os grupos políticos para que se posicionen mañá nunha xunta de portavoces

O Concello de Ourense inicia o proceso para poñer en funcionamento as instalacións termais das Burgas. O goberno municipal valora dúas posibilidades para a súa xestión: a primeira sería a explotación directa por parte do Concello, o que requiriría a aprobación dunha ordenanza por parte do Pleno, e a segunda consistiría en licitar o servizo contratando unha empresa privada.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome avanzou esta mañá que o goberno municipal optará pola xestión directa das instalacións, se os demais grupos políticos municipais se posicionan a prol desta fórmula: “se a oposición está de acordo, empezamos a ordenanza mañá mesmo para levala a pleno. Se a oposición di que non, non imos perder o tempo e licitarémola”, aseverou. O goberno local prevé que a  xestión directa a través dunha ordenanza podería ser tramitada nun prazo de 2 meses e a externalización nuns 4 meses, aproximadamente.

O alcalde adiantou que os prezos por usar as instalacións das Burgas serán: 8 euros pola entrada individual, 25 euros por un bono mensual, e 30 euros por un bono de 10 usos.

O alcalde convocou unha xunta de portavoces para tratar este asunto mañá, xoves.

Publicacións Relacionadas