HomePontevedraXogos tradicionais e boa música para inaugurar no auditorio ao aire libre...

Xogos tradicionais e boa música para inaugurar no auditorio ao aire libre en figueirido

- Anuncio -spot_img

O Concello de Vilaboa organiza unha tarde lúdica e de convivencia veciñal para fomentar o uso das novas instalacións no parque do Canaval

O Concello de Vilaboa organiza unha tarde lúdica chea de actividades para inaugurar o novo espazo público renovado en Figueirido e que foi dotado dun auditorio ao aire libre e dunha pista multidisciplinar. Será este sábado día 14 e a partir das 18.30 horas a diversión está garantida coa celebración de xogos tradicionais como a chave, a corda ou as carreiras de sacos. Haberá talleres específicos para nenas e nenos e Food Trucks para garantir o avituallamento.

A actuación musical de Le Barluthier, ás 20.30 horas, porá o colofón a unha tarde de festa e de convivencia veciñal co ambiente lúdico que o Concello pretende que impere nesta nova área de esparcemento, a primeira rematada das cinco que o goberno local ten en marcha en Vilaboa e que se complementarán entre sí.

Por elo, o alcalde de Vilaboa, César Poza, convida á veciñanza de todo o municipio a achegarse este sábado a Figueirido e gozar destas novas instalacións que están xa a disposición de toda a cidadanía.

A pista multidisciplinar facilita xa a práctica deportiva ao aire libre de diferentes modalidades deportivas como baloncesto, futbol, voleibol, bádminton e incluso tenis e da resposta á demanda existente neste entorno favorecendo un novo lugar de encontro e de realización de actividade física no municipio.

Preto destas instalacións deportivas está o auditorio ao aire libre, unha obra de enxeñería civil que aproveitando as condicións do terreo creou un escenario con gradas semicirculares con capacidade para 150 persoas, cun espazo público aberto e óptimo para a celebración de eventos culturais, festas, concertos, etc, como xa pasou no Festival dos Maios.

O acondicionamento integral deste espazo complétase co acondicionamento dunha área ordenada de estacionamento, que garanta a seguridade das persoas que se acheguen ao entorno para desfrutar deste espazo público.

Cabe recordar que o parque do Canaval é un proxecto que comezou a tomar forma no ano 2022 co acondicionamento dunha área de xogo infantil nunha parcela de 6.440 metros cadrados situada sobre o falso túnel no tramo Vilaboa-Pontevedra do eixo atlántico de alta velocidade. Esta superficie é unha concesión administrativa do ADIF ao Concello por un período inicial de 75 anos na que o grupo de goberno deseñou unha gran área de esparcemento social con espazos adaptados a todas as idades e que se irá acometendo por fases que en seis meses estará rematada.

Publicacións Relacionadas