A concelleira de Cultura e Interior, Rita Pérez Táboas, e o concelleiro responsable de Participación Cidadá e Parroquias, Alberto Álvarez, mantiveron unha reunión coas comisións de festas das parroquias de Redondela. Neste encontro os responsables municipais explicáronlles a tramitación de permisos e medidas de seguridade para a celebración de festas e verbenas. Pérez Táboas sinala que o obxectivo deste encontro é axudar ás comisións de festas nos trámites necesarios “para o rigoroso cumprimento da normativa, garantir a máxima seguridade nos festexos e evitar situacións de risco ou perigo”.
Na reunión celebrada esta semana explicouse que as comisións deberán entregar as solicitudes e a documentación técnica con polo menos un mes de antelación. Os técnicos revisarana e farán un único requirimento, no caso de que sexa necesario, para que os promotores completen, corrixan ou aclaren a información. O goberno local explica que se trata de facer cumprir a normativa autonómica, de dar un maior nivel de seguridade ás festas, aumentando tamén as garantías xurídicas para os promotores.