— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE foi seleccionado para formar parte da delegación do Comité Europeo das Rexións neste foro, destacando o seu papel como relator do ditame sobre o futuro da pesca
— É a primeira vez que unha representación do Comité asiste a esta conferencia de alto nivel, o que subliña o papel crucial das rexións e cidades na xestión das zonas costeiras
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, asistiu á Conferencia da ONU sobre os Océanos (UNOC3) que se celebra estes días na cidade francesa de Niza como membro da delegación do Comité Europeo das Rexións neste evento. Á hora de conformar esta representación, a presidenta do Comité destacou o papel de Gamallo como relator en 2023 do ditame desta asemblea sobre o futuro da pesca.
Durante as reunións mantidas, o director xeral defendeu a Estratexia Galega de Economía Azul, que mobilizará uns 117 millóns de euros ata 2027, para a defensa da sustentabilidade do medio e a conservación dos recursos naturais, pero tamén da sustentabilidade económica e a transformación da actividade para facela máis resiliente, así como a sustentabilidade social, que tamén é un dos principais aspectos desta Estratexia.
Trátase da primeira vez que o Comité Europeo das Rexións asiste a esta conferencia de alto nivel, o que subliña o papel crucial das rexións e cidades na xestión das zonas costeiras. Cómpre sinalar que Galicia acaba de asumir as competencias neste ámbito. Na declaración política negociada a petición da UE incluirase unha referencia recoñecendo o papel dos actores locais e rexionais na xestión dos océanos e os mares. Agárdase a presenza da presidenta da Comisión Europea, do comisario de Pesca e Océanos e da presidenta do Parlamento Europeo.
Conferencia da ONU sobre os Océanos
Francia acolle a terceira edición da Conferencia das Nacións Unidas sobre os Océanos, que se celebra cada tres anos. Busca acadar o consenso suficiente para apoiar a consecución do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 14, que promove a conservación e utilización sostible dos océanos, os mares e os recursos mariños.
Como eventos paralelos á UNOC3 destaca un encontro de máis de 2.000 científicos internacionais do sector, un foro centrado na economía azul e a mobilización financeira e unha coalición de representantes de grandes cidades, rexións costeiras e gobernantes de estados insulares ameazados pola suba do nivel do mar.