HomePontevedraBaixo MiñoO 6x6 chega este domingo á súa oitava edición e encherá o...

O 6×6 chega este domingo á súa oitava edición e encherá o Arrabal de artes escénicas, visuais, musicais e artesanía local

- Anuncio -spot_img

O 6×6 Punto de Encontro chega este domingo 15 de xuño á súa oitava edición achegando diversas disciplinas artísticas ás rúas e espazos do Arrabal de Oia. Baixo a dirección de Alfredo Rodríguez (A Artística), o evento cultural celebrará os seus 8 anos de vida rendéndolle homenaxe a Rosalía de Castro. Mostra diso é o título escollido este ano, que adapta ao ámbito local as coñecidas palabras pronunciadas pola escritora de Padrón xusto antes de morrer: “Abride a fiestra que quero ver o mar”.

Deste xeito, o 6×6 levará como cabeceira a frase “Abride a fiestra que quero ver o mar de Oia” e reunirá unha completa programación con propostas para todos os públicos e cunha forte aposta polo talento local, profesional e afeccionado. Exemplo disto serán os traballos do alumnado participante en diversos obradoiros municipais: os de teatro infantil e de persoas adultas, ámbolos dous dirixidos por Alfredo Rodríguez, e o de fotografía impartido por Ana Belén Jarrín. Por outra banda, e ao igual que en anteriores edicións, haberá un espazo destinado a artesanía local, neste caso coordinado por Fe González (areladefe).

O talento oiense tamén estará presente no apartado de colaboracións artísticas, a través da participación da pianista Gloria Rodríguez Gil, os arranxos e composicións musicais de Nacho Álvarez e a actuación da agrupación folclórica Tra-lo Mosteiro. Así mesmo, contarase cun texto de Alfonso Álvarez Cáccamo coa vontade de homenaxear ao autor, falecido o pasado ano.

Xunto a todas estas propostas locais, a xornada tamén contará coa participación de Olga Cameselle (danza) e coa poesía e música de Cintaadhesiva (Silvia Penas e Xesús Tejada).

O 6×6 Punto de Encontro chega este ano da man do Concello de Oia e da Asociación Cultural Lévedo, colectivo con base no municipio e de recente creación, e conta coa colaboración doutras entidades (Deputación de Pontevedra-Culturea).

Programa

As actividades da oitava edición do 6×6 terán lugar este domingo en diferentes emprazamentos do barrio histórico do Arrabal e desenvolveranse segundo o seguinte horario:

-12.00h. Apertura dos postos de artesanía.

-12.30h. Proxección de traballos do obradoiro de fotografía. (Manteranse en proxección continua ata as 20.00h).

-17.00h. Mostra do obradoiro de teatro de nenos e nenas: “Os trasnos no muíño”. Coa participación de Patricia Muñoz. Na Picota.

-18.00h. Mostra do obradoiro de teatro veciñal: “Abride a fiestra que quero ver o mar de Oia”. Coas colaboracións de Gloria Rodríguez, Olga Cameselle e Nacho Álvarez. Polas rúas do Arrabal.

-19.30h. Animación de rúa, a cargo de Tra-lo Mosteiro de Oia.

-20.30h. Concerto-recital a cargo de Cintaadhesiva (Silvia Penas e Xesús Tejada). Na Praza Centinela.

Publicacións Relacionadas