A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, participou na inauguración dunha xornada formativa sobre a inspección de VTC destinada a estes axentes
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, participou hoxe na inauguración dunha xornada formativa destinada a axentes da agrupación de tráfico da Garda Civil en materia de inspección de vehículos de turismo con conductor (VTC), na que puxo en valor a importancia da formación deste colectivo no que se refire a inspección do transporte en Galicia. Nesta liña, incidiu na necesidade de levar a cabo actividades coma esta para actualizar e compartir criterios sobre a normativa vixente.
Na súa intervención, lembrou que en Galicia están en vigor máis de 630 licenzas VTC, das que case a metade son de vehículos eléctricos. Trátase, segundo aclarou, de licenzas de carácter autonómico e interurbano que, a Xunta tramita por delegación do Estado. Polo tanto, estes vehículos poden realizar percorridos entre distintos municipios da comunidade pero non traxectos urbanos nun mesmo concello.
Co obxectivo de que os servizos de VTC e o sector do taxi “poidan convivir respectando a normativa e co obxectivo de priorizar un servizo de calidade á cidadanía”, Judit Fontela apelou á comunicación e coordinación entre ás administracións competentes, isto é, o Goberno central no que se refire á inspección da actividade dos VTC e as entidades locais tamén no control e no tocante ás sancións das infraccións detectadas, segundo se establece na Lei de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia.
Cómpre engadir que a Xunta, no marco do seu labor de inspección e control do transporte pode identificar, e xa o ten feito, vehículos con licenza VTC que realizan desprazamentos urbanos e envía os informes de inspección aos concellos, responsables de impoñer as sancións correspondentes.