O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, recibiron esta mañá no salón de plenos do Concello o Club Atletismo Ourense feminino.
Alcalde e concelleiro felicitaron o equipo ourensán polos éxitos colleitados nunha tempada na que se proclamaron campioas de Galicia tanto ao aire libre como en pista cuberta e acadaron o ascenso á Primeira División Nacional. Na fase final que se desenvolveu a pasada fin de semana en Valladolid, o equipo ourensán acabou segundo e obtivo o ascenso, xunto ao F.C. Barcelona.
O alcalde destacou o logro colleitado polo equipo ourensán, en primeiro lugar “polo dificílísimo que é” lograr o ascenso a esta categoría e, de forma moi especial, porque o Club Atletismo Ourense é un equipo formado por atletas de Ourense. “O que estamos facendo aquí con xente da casa é impresionante”, asegurou Pérez Jácome, que animou as atletas a seguir competindo e volver ao Concello o ano que vén para compartir os seus próximos éxitos. Asistiron ao encontro o presidente do Club Atletismo Ourense, José Antonio Álvarez, o directivo Óscar Seoane e 19 atletas do equipo ourensán.