Luis López: “Esta provincia é mar e son moitos os veciños que viven deste medio natural. Así que demostramos con estas achegas, con feitos e non só con palabras, que estamos onde debemos estar, ao carón dos pescadores e das mariscadoras, dando resposta ás súas demandas”
A Deputación aprobou en Xunta de Goberno o reparto das axudas ás confrarías de pescadores, federacións de confrarías e agrupacións de mariscadoras, que ascenden a 300.000 €, 75.000 € máis que o pasado ano, para impulsar investimentos e afrontar gasto corrente. O presidente provincial, Luis López, remarcou que “esta provincia é mar e son moitos os veciños que viven deste medio natural. Así que demostramos con estas achegas, con feitos e non só con palabras, que estamos onde debemos estar, ao carón dos pescadores e das mariscadoras, dando resposta ás súas demandas”.
Estas axudas provinciais destinarán 200.000 €, 50.000 € máis que o pasado ano, para que22 agrupacións de 18 concellos da provincia poidan afrontar cos recursos provinciais gasto corrente, “a gran novidade incorporada por vez primeira o pasado ano –tal e como recordou Luis López- para dar resposta ao clamor que viña demandando o sector do mar da provincia”. As contías que recibirán as entidades oscilan entre os 2.900€ e os 12.000€ e servirán para afrontar gastos de persoal, electricidade e combustible ou para adquirir semente. E beneficiaranse das axudas as confrarías de pescadores La Anunciada de Baiona, San Martiño de Bueu, San Antonio de Cambados, San José e San Cipriano de Cangas, San Martín do Grove, Santa Tecla da Guarda, San Julián da Illa de Arousa, Santa María do Porto de Marín, San Martín de Moaña, San Gregorio de Raxó (Poio), San Telmo e San Andrés (Pontevedra), San Juan de Redondela, San Roque de Portonovo e Santa Rosalía (Sanxenxo), Virxe do Carme de Soutomaior, San Francisco de Vigo, Pedra da Oliveira de Vilaboa, Santiago Apóstol e Virxe do Rosario de Vilaxoán (Vilagarcía), e La Pastoriza de Vilanova de Arousa.
Ademais, esta liña provincial de axudas tamén repartirá 100.000 €, 25.000 € máis que no 2024, para que 15 agrupacións de 13 concellos afronten investimentos. Ao detalle, estas entidades recibirán entre 728 € e 20.000 € para adquirir vehículos, material informático e de oficina, motores ou material de vixilancia e benefícianse destes recursos as confrarías de pescadores La Anunciada de Baiona, San José e San Cipriano de Cangas, San Martín de O Grove, Santa Tecla de A Guarda, San Julián da Illa de Arousa, Santa María do Porto de Marín, San Martín de Moaña, San Gregorio de Raxó (Poio), San Andrés de Lourizán (Pontevedra), San Juan de Redondela, San Francisco de Vigo, Pedra da Oliveira de Vilaboa, Santiago Apóstol de Vilagarcía e a Federación Provincial de Confrarías de pescadores de Pontevedra (Soutomaior).