O presidente Luis López sinalou que a institución provincial financiará o 80% da actuación, que se concretará en medidas como a dotación dunha senda peonil ou a instalación de pasos peonís sobreelevados
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que a institución provincial acaba de aprobar en Xunta de Goberno a adxudicación do contrato por valor de 222.500 € para as obras de mellora da estrada provincial EP-5005 entre os núcleos de Ponte Ribadil e Crecente. A actuación será financiada ao 80% pola Deputación de Pontevedra e ao 20% polo Concello de Crecente.
As obras proxectadas pola Deputación permitirán mellorar tanto o tráfico rodado como o peonil, con medidas como a execución dunha senda peonil pola marxe esquerda da estrada de 2,5 metros de anchura e preto de 600 metros de longo, entre os puntos quilométricos 11+980 e o 12+550. O proxecto tamén contempla a instalación de pasos de peóns sobreelevados ou a redución da velocidade máxima permitida na vía. Ademais, entre outras actuacións, colocaranse novas luminarias e renovarase toda a canalización da rede de iluminación, así como a rede de recollida de augas pluviais.
“Unha semana máis –remarcou o presidente da Deputación Luis López- seguimos aprobando recursos para que os 1.700 quilómetros que integran a rede de estradas provinciais que vertebran o noso territorio, estean en inmellorables condicións de seguridade”.