HomePontevedraPontevedraO BNG considera que a Xunta está retrasando intencionadamente a ampliación do...

O BNG considera que a Xunta está retrasando intencionadamente a ampliación do Campiño

- Anuncio -spot_img

Luís Bará pídelle Rueda que poña as pilas e que inclúa unha partida nos orzamentos de 2026 para poñer en marcha a primeira fase da ampliación

O BNG rexistrou hoxe unha batería de iniciativas parlamentares sobre o “retraso intencionado” da ampliación do parque empresarial do Campiño, unha actuación incluida no Plan sectorial de áreas empresariais de Galiza do ano 2014 e que estivo paralizada durante 10 anos.

Segundo o informe presentado polo concello de Pontevedra en febreiro de 2023 “o parque empresarial do Campiño está tecnicamente ao límite de ocupación e que os parques de Outeda-Curro -xestionado pola Deputación- e o Parque empresarial da Reigosa en Ponte Caldelas, teñen unha ocupación bastante elevada (só 19 e 13 parcelas dispoñíbeis, respectivamente), polo que podemos vernos nun período relativamente curto de poucos anos nunha situación de estrangulamento na oferta de solo”.

Logo de máis de 10 anos de parálise, a Xunta anunciou en xaneiro de 2024 (en plena campaña eleitoral) a licitación do contrato do contrato do plan estruturante e dos demais instrumentos de desenvolvemento. En xullo de 2024, Xestur adxudicou o contrato do Servizo de redacción do plan estruturante de ordenación de solo empresarial e instrumentos de desenvolvemento e execución da ampliación parque empresarial de O Campiño (Pontevedra). A adxudicataria foi a  empresa PROYFE SL, cun prezo de  214.170 euros e un prazo de execución de 2 anos. 

A memoria xustificativa do contrato establecen un prazo de cinco meses desde a sinatura do contrato para a presentación do borrador do Plan estruturante de Ordenación de Solo empresarial así como a documentación ambiental correspondente para a súa tramitación ambiental.

Cando xa se cumpriron 10 meses deste a sinatura do contrato non hai noticias sobre estes documentos, o que leva á conclusión de que estamos diante dun novo retraso dunha actuación que se preveu no seu momento como estratéxica e que debía estar rematada no ano 2024.

Segundo Bará, “o plan estruturante e a documentación ambiental deberían estar disponíbeis no mes de xaneiro de 2025 e 5 meses despois ainda non se fixeron públicos”.

Por todo isto, o deputado nacionalista considera que “a Xunta do PP está retrasando intencionadamente o proxecto e demanda a Rueda que poña as pilas e inclúa unha partida nos orzamentos de 2026 para iniciar a primeira fase da ampliación”.

Publicacións Relacionadas