- Pablo Fernández destacou a relevancia da colaboración con esta entidade que integra as principais organizacións do sector —EspazoCoop, Agaca, Aesgal, Cegasal e Aeiga—, consolidando a economía social galega e impulsando accións de difusión
- Incidiu en que Galicia está a executar a segunda Estratexia Galega de Economía Social, cun horizonte ata 2027 co obxectivo de reforzar a presenza da economía social en sectores emerxentes como o tecnolóxico, o industrial ou o verde
- A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño puxo en valor, no marco dos 45M€ orzamentados a este eido, apoios clave como Es-Transforma para transformar empresas sen remuda en fórmulas de economía social
- Ademais, coincidindo coa celebración do Ano Internacional das Cooperativas, subliñou que un dos obxectivos prioritarios da Xunta en 2025 é a aprobación da nova Lei de Cooperativas de Galicia, adaptada aos retos actuais
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández acompañado pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, e pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, reafirmou hoxe o compromiso da Xunta coa eonomía social como modelo económico clave para construír unha Galicia máis sustentable, inclusiva e próspera. Fixoo na clausura do Día da Economía Social Galega, un acto organizado polo Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal).
O secretario xeral, fixo referencia ao convenio con esta entidade, que reflicte a alianza estratéxica entre a Xunta e Foroesgal, colectividade que integra as principais organizacións do sector: EspazoCoop, Agaca, Aesgal, Cegasal e Aeiga. Un traballo conxunto, sinalou Fernández, que permite fortalecer a presenza da economía social galega nos principais foros estatais e europeos, impulsar accións de difusión e consolidar proxectos como a Rede Eusumo, que conta xa con máis dun cento de entidades adheridas. Pablo Fernández puxo de manifesto que este convenio é un exemplo máis das medidas que promove a Xunta a prol de que a economía social siga a ser un modelo de referencia. Nese contexto, recordou que Galicia está a executar a segunda Estratexia Galega de Economía Social, cun horizonte ata 2027 co obxectivo de reforzar a presenza da economía social en sectores emerxentes como o tecnolóxico, o industrial ou o verde, así como fomentar o emprendemento colectivo e a creación de emprego. En concreto, a planificación contempla a creación de 400 novas entidades e a xeración de 4.000 postos de traballo, consolidando a economía social como piar do ecosistema económico galego.
Pola súa banda, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, destacou o esforzo orzamentario da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que destina este ano preto de 45 millóns de euros á economía social. Entre as principais liñas destacan apoios fundamentais para o sector como o Bono Consolida, o programa Aprol Economía Social —aberto ata o 16 de setembro— ou a nova convocatoria Es-Transforma, que permitirá transformar empresas sen remuda xeracional en fórmulas de economía social e cuxo prazo abrirá este venres 20 de xuño deica o 15 de setembro. Tamén eloxiou o labor de visibilidade que se está a promover a través do Certame de Cooperativismo no Ensino e dos Premios á Cooperación, que se veñen de resolver recoñecendo proxectos educativos en Moaña, Tomiño, Barreiros, A Coruña e Vigo, así como ás cooperativas Rexenerando, Illa Bufarda e Lemos.
Ano Internacional das cooperativas
Así mesmo, Marta Mariño lembrou que é preciso recoñecer tamén o relevante papel das cooperativas en Galicia, claves para xerar riqueza a partir dos recursos locais, precisamente no marco da conmemoración do Ano Internacional das Cooperativas, un fito que subliña a relevancia deste modelo como motor para a creación dun futuro máis sustentable, xusto e participativo. Neste sentido, destacou que un dos obxectivos prioritarios da Xunta este 2025 é a aprobación da nova Lei de Cooperativas de Galicia —xa se está a traballar co texto provisional do anteproxecto co obxecto de comenzar canto antes a súa tramitación— coa meta de adaptala aos tempos actuais, facilitar a creación de novas entidades e fortalecer as xa existentes.
Asemblea de Cegasal
Previa ao acto de celebración do Día da Economía Social Galega, tivo lugar a asemblea xeral ordinaria da Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal), á que asistiu a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño. O obxectivo desta entidade sen ánimo de lucro é fomentar o emprego de calidade das persoas con discapacidade e daquelas en situación de risco de exclusión social e a súa inclusión na actividade económica, social e empresarial de Galicia. Cómpre sinalar que a Xunta conta cunha liña específica de apoios para os centros especiais de emprego e as empresas de inserción, cun orzamento global de 28,5 millóns de euros en 2025 e cuxo prazo de presentación está aberto ata o 30 de xuño no caso dos CEE e o 30 de setembro, no caso das empresas de inserción.