- Félix Juncal, alcalde de Bueu, e outros concelleiros participaron este luns ao mediodía na xornada de portas abertas no servizo
- O municipio bueués ten en marcha dende o 2022 o Servizo de Atención Temperá, no que se atende actualmente a 60 familias
Félix Juncal, alcalde de Bueu, Carmen García, concelleira de cultura, e Xosé Leal, edil de facenda, visitaron este luns, 16 de xuño, as oficinas do Servizo de Atención Temperá, situadas na rúa Matilde Bares, e nas que actualmente se atende a 60 familias.
Esta visita insírese na celebración do Día da Atención Temperá, no que se promove a igualdade, a saúde e a inclusión social da poboación infantil, de entre 0 e 6 anos, que presente algún trastorno de desenvolvemento ou que estea en risco de padecelo. Pero non foi esta a única actividade organizada para visibilizar esta data, senón que pola tarde terá lugar na praia de Pescadoira un encontro de xogos en familia.
O Concello de Bueu tamén se suma ao manifesto polo Día da Atención Temperá elaborado pola Asociación Galega de Atención Temperá e no cal se incide na formación dos e das profesionais así como á mellora na calidade do emprego. O texto reclama que “para asegurar a competencia profesional, a calidade, estabilidade e continuidade asistencial é necesario que as administracións cumpran as medidas a estándares de calidade acordados na folla de ruta para a mellora da atención temperá”. Así, entre as peticións están que as administracións públicas impidan as contratacións xenéricas, precarias, temporais e inestables e financien de forma suficiente os servizos, que impulsen unha organización interdepartamental das redes autonómicas e conformidade coas medidas e estándares que a investigación e a experiencia consideran fundamentais e regular o proceso de valorar – intervención como un proceso continuo e único.
O municipio bueués ten en marcha dende hai preto de catro anos o Servizo de Atención Temperá, que está subvencionado na súa totalidade por Fondos Europeos e a Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Xuventude.
As dependencias do SAT de Bueu están situadas nun baixo da rúa Matilde Bares Matilde Bares, 7, e as persoas que necesiten informarse sobre o servizo poderán contactar no teléfono 628867812 ou no enderezo electrónico sat.bueu@coescoformacion.com. O horario de atención o público é de luns a xoves entre as 8:00 a 18:30 horas, e os venres de 8.00 a 14 horas.
Este servizo conta cun protocolo específico no proceso de detección e derivación de situacións susceptibles de necesitar atención temperá. Nese proceso é vital a figura das e dos profesionais da pediatría de atención primaria de saúde, de xeito que son eles os que farán a valoración inicial do desenvolvemento do neno ou nena e, a partir do seu diagnóstico, determinan a idoneidade da unidade de atención temperá para facer a atención especializada, segundo as necesidades observadas. No SAT de Bueu cóntase actualmente con persoal variado, como un logopeda, unha fisioterapeuta e unha psicóloga con formación e experiencia no desenvolvemento infantil.