O alcalde, a conselleira de Medio Ambiente e o reitor da Universidade de Vigo asinaron o convenio de colaboración
Ten como obxectivos identificar illas de calor e medidas e lugares idóneos para desenvolver refuxios climáticos en Ourense
O Concello de Ourense, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo colaborarán para elaborar un proxecto piloto de refuxios climáticos para a biodiversidade na cidade de Ourense. O alcalde, Gonzalo Jácome, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asinaron esta mañá no salón de plenos o convenio de colaboración para a execución destes traballos, que perseguen basicamente 3 obxectivos
- Identificar as illas de calor, entendidas como as localizacións onde as temperaturas sexan extremadamente altas, ou inusualmente altas no concello. Son lugares que ante fenómenos meteorolóxicos adversos sofren de temperaturas extremas, que se deberan evitar para non sufrir as habituais consecuencias da calor extrema (golpes de calor, deshidratación), especialmente no caso de grupos de poboación sensibles (persoas maiores, cativada etc.).
- Identificar as medidas necesarias para desenvolver refuxios climáticos para a biodiversidade, entendidos como territorios cunha relativa estabilidade climática (condicións ambientais favorables) que permiten que moitas especies atopen as condicións requiridas para a súa supervivencia. Teñen dúas tipoloxías:
- Refuxios climáticos de retención: manteñen in situ unhas condicións benignas, que permiten a persistencia de moitas especies nativas.
- Refuxios climáticos de deslocalización: estes espazos convértense en receptores de especies inmigrantes que non atopan condicións para a persistencia in situ nos lugares que orixinalmente habitaban.
- Propoñer e identificar os lugares máis idóneos para os refuxios climáticos para a biodiversidade en particular no concello de Ourense como proxecto piloto, que permitirá consolidar con éxito en todas as cidades galegas a metodoloxía e as ferramentas desenvolvidas.
Para o cumprimento destes obxectivos, desenvolveranse estas actividades:
- Deseño, montaxe e proba dun dispositivo portable de captura de variables atmosféricas (temperatura e humidade relativa), con capacidade de xeolocalización, que poida facer un mapa detallado dun concello en termos de confort ante fenómenos climatolóxicos de altas temperaturas.
- Estudo e deseño dun proxecto piloto no concello de Ourense localizando illas de calor, propoñendo unha lista de zona declaradas como potenciais refuxios climáticos, e filtrando aqueles que sexan compatibles coa preservación da biodiversidade (flora e fauna).
- Validación da metodoloxía e do dispositivo portable de captura, a través do proxecto piloto na cidade de Ourense; e estudo da replicabilidade noutros concellos de Galicia.