A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este martes na inauguración de Mindtech, a quinta edición dunha das citas máis importantes arredor do sector metalúrxico internacional, que reunirá en IFEVI arredor de 200 firmas de máis dunha ducia de delegacións. “Somos o centro neurálxico do sector pola importancia que ten para o noso territorio, pero estes días especialmente grazas ao escaparate que supón contar con esta feira de tan alto nivel”, asegurou Luisa Sánchez, que lembrou que “esta será unha ocasión excelente para amosar o noso potencial como líder no Polo Ibérico, conectando as economías de África e Europa, e tamén a nosa capacidade para albergar grandes eventos”.
A vicepresidenta da Deputación lembrou que o sector ten retos como “a dotación de persoal cualificado, o alto custo enerxético ou a diversificación de produtos, pero o clima é optimista e non temos máis que ver os datos: é un sector que non para de medrar, cun 10% máis de facturación en 2024, e un 3% máis de empregados ata superar os 60.200”. Por esta razón “desde a institución provincial queremos seguir apostando por ir da man do sector e ser capaces de seguir sendo o referente industrial de Europa”.