HomeO RibeiroCenlleA Xunta pon en valor nos centros educativos de Coles e Cenlle...

A Xunta pon en valor nos centros educativos de Coles e Cenlle o oficio tradicional de elaboración de zocos no marco do proxecto “Artesanía na Escola”

- Anuncio -spot_img
  • O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou hoxe estes dous centros eduactivos para presentar este programa de divulgación dos oficios artesanais
  • Elena Ferro, Premio Nacional de Artesanía 2019, é a protagonista da unidade didáctica “Eu son zoqueira”, impartida en colexios de toda Galicia

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta mañá o CEIP Plurilingüe Antonio Faílde de Cambeo, no concello ourensán de Coles, e o CEIP Carmen García Carrasco, en Cenlle, nunha nova xornada do programa Artesanía na Escola, enfocado na divulgación e posta en valor dos oficios artesanais entre os escolares de toda Galicia. Alén e Fabeiro acompañaron á zoqueira Elena Ferro, protagonista dunha das unidades didácticas deste programa – Eu son zoqueira-, e que realizou unha demostración do seu oficio e falou da importancia deste calzado tradicional ao longo da historia.

Artesanía na escola consiste en diferentes unidades didácticas monográficas sobre oficios artesanais e nas que se inclúen unha unidade didáctica en papel que se lle envía aos centros participantes e fichas en formato dixital para poder traballar cos alumnos. Cada unidade didáctica fala dun oficio concreto a través da traxectoria dun artesán ou artesá, co obxectivo de facilitarlle ao alumnado a comprensión do tema ou a ampliación de información, e tamén coa intención de que eses profesionais da artesanía poidan visitar algúns dos centros que están a participar no programa.

En concreto, Eu son zoqueira está centrada no oficio da elaboración tradicional de zocos a través da figura de Elena Ferro, responsable de Eferro (Vila de Cruces), un obradoiro familiar activo dende o ano 1915 e que veu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019.

Divulgación dos oficios artesáns aos máis novos

Este programa impulsado pola Xunta desde o ano pasado, busca presentarlle aos máis pequenos os oficios artesanais como unha profesión de futuro e co que se constribúe a concienciar sobre o valor do produto artesanal e da marca Artesanía de Galicia.

Os obxectivos de Artesanía na Escola son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e sector económico; poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e transmisor de coñecementos; divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea; transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e á economía circular; e por último, a longo prazo, abordar a remuda xeracional.

Neste ano estase a levar tamén aos centros de ensino a segunda das unidades didácticas do programa —Eu son artesán de percusión tradicional, dedicada á elaboración de pandeiretas a través do artesán Xosé Manuel Sanín—, e estase a traballar xa noutras unidades centradas na ourivería compostelá, na cerámica ou na cestería, co obxectivo de ir incrementando a variedade de oficios que se presentan no marco desta iniciativa.

Publicacións Relacionadas