HomeVigoNigránO concello de Nigrán acepta a alegación da consellería de Medio Ambiente...

O concello de Nigrán acepta a alegación da consellería de Medio Ambiente de prohibir a presenza de cans na zona de nidificación de aves en praia América

- Anuncio -spot_img

Trátase de 27.615 m² de ecosistema dunar (máis do 80% inaccesibles ao estar valado) comprendidos entre o final do paseo marítimo de Panxón e a desembocadura do río Muíños, por ser unha zona de protección onde aniña a píllara das dunas e se refuxian especies migratorias

No resto da praia e nos demais areais os cans poden acceder do 1 de xuño ao 30 de setembro de 22:00 a 9:00 horas e libremente no Canto e o Carreiro, tal e como decidiu a cidadanía nunha enquisa ao respecto no ano 2023

Para os propietarios de mascotas supón renunciar a menos dun 5% de toda Praia América e, na práctica, a maioría deste espazo xa non podían acceder. A cambio, protexemos mellor as especies en situación de vulnerabilidade”, explica o alcalde, Juan González

O Concello de Nigrán prohibirá durante todo o ano a presenza de cans nos 27.615 m² do ecosistema dunar de Praia América-Panxón co obxectivo de protexer a nidificación de aves en perigo de extinción como a píllara e especies migratorias. Máis do 80% desta superficie resulta inaccesible de facto aos animais ao estar pechada perimetralmente para a súa recuperación, e agora o Concello oficializará esta norma. Así, o goberno local ratificará a decisión no vindeiro pleno ordinario do 30 de xuño estimando así a alegación que a Dirección Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de Pontevedra presentou no 2024, cando o Concello modificou a ordenanza de convivencia e ornato público co fin de que os cans puideran acceder a todos os areais de 22:00 a 9:00 horas do 1 de xuño ao 30 de setembro (estaba prohibido a súa presenza nese periodo pero, ante as queixas de moitos propietarios de mascotas, o Concello realizou unha consulta pública no 2023 que se saldou cun 74% de votos favorables ao cambio, motivando así o cambio desta ordenanza que xa habilitara a praia do Carreiro, en Patos, e do Canto, en Lourido, como zona apta para cans todo o ano).

A prohibición absoluta afectará a toda a zona declarada como ENIL (Espazo Natural de Interese Local), treito comprendido entre o ecosistema dunar do fin do paseo marítimo de Panxón e a desembocadura do río Muíños, zona considerada ‘Area Prioritaria de Conservación” e ‘Área de presenza’ da píllara das dunas, especie en perigo de extinción e que , precisamente, na meirande parte xa estaba protexida cun peche perimetral.

“Aprobaremos oficialmente o cambio e instalaremos sinalización ao respecto. Para os propietarios de mascotas supón renunciar a menos dun 5% de toda Praia América e, na práctica, a maioría deste espazo xa non podían acceder.A cambio, protexemos mellor as especies en situación de vulnerabilidade”, explica o alcalde, Juan González, quen indica que a alegación da Xunta cinguíase ao período reprodutivo da píllara, do 1 de marzo ao 30 de setembro, pero o Concello o estenderá a todo o ano para protexer tamén ás aves migratorias que escollen este lugar para descansar despois de percorrer milleiros de quilómetros. “O cheiro a can ou escoitar os seus ladridos estresa enormemente ás aves, que ante a ameaza escapan, é o que nos indican os expertos ornitólogos, por iso na zona do ENIL non poden estar e realmente xa non podían, para iso está valado desde hai décadas”, indica González.

A alegación da Xunta sinala no seu informe técnico que sempre se debe priorizar a protección ambiental sobre os eventuais dereitos das persoas propietarias de animais e, neste sentido, recorda que o propio ENIL ten unhas limitacións contempladas no seu Plan de Conservación. “O goberno ao que represento non ten problema en rectificar ou modificar criterios sempre que sexa para mellorar, e este é o caso, así que consideramos que con esta modificación teremos unha ordenanza máis proteccionista co medio ambiente, que é o importante”.

Publicacións Relacionadas