As festas de Panxón arrancan o domingo 22 con este evento gastronómico e finalizan o día 25 coa gran tirada de fogos artificiais
Un ano máis o Concello confeccionará as únicas dous fogueiras permitidas na praia e achegará a Banda de Música da Brilat
O Concello de Nigrán colabora un ano máis coa Comisión de Festas de San Xoan organizando a ‘Festa do Mexillón’ o domingo 22 ao mediodía, evento gastronómico que abre catro xornadas de verbena na parroquia de Panxón. Así, a partir das 11:00 horas comezará a venda de bivalvo cocido na Praza de Abastos do peirao a un prezo de 5 €/ración e coa presenza de gaitas para amenizar a xornada. Pola tarde, a partir das 18:00 horas na Praza José Mogimes, terá lugar o concerto de ‘The know strangers Val Miñor’ e ás 20:00 un paseo pola praia en inglés para cativos de 1 a 5 anos.
As festas continúan o luns 23 coa verbena do Orquesta Alabama e Grupo Arizona e o acendido a medianoite das dúas fogueiras confeccionadas polo Concello de Nigrán en Panxón, as únicas autorizadas no areal. O martes 24, festivo local, será o tradicional concerto da Brilat ás 19:00 horas, misa cantada e procesión ás 20:00 horas e verbena con Orquesta Travesía e Saudade. O mércores 25 a verbena será coa Orquesta Panamá, pasarrúas ás 20:00 coa Agrupación Musical de Belesar, misa cantada e procesión ás 21:30 e, finalmente, gran tirada de fogos artificiais.