HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación destina preto de 40.000 € a investigacións lideradas pola Universidade...

A Deputación destina preto de 40.000 € a investigacións lideradas pola Universidade de Vigo centradas na realidade da provincia e no seu desenvolvemento

- Anuncio -spot_img

Esta liña de axudas, aberta ata o 30 de xuño e enmarcada no convenio entre a institución provincial e a UVigo, outorgará cinco axudas de 7.800 euros ao persoal investigador dos campus de Pontevedra e de Vigo

A Deputación  destina preto de 40.000 euros a investigacións lideradas pola Universidade de Vigo que contribúan o desenvolvemento social e económico da provincia, ao coñecemento da súa realidade ou centradas no ámbito do medio ambiente. Esta liña de axudas, enmarcada no convenio entre a institución provincial e a UVigo busca tamén promover estudos conectados co proxecto de especialización Campus Crea e contribuír a que o persoal investigador máis novo poida pór en marcha proxectos de investigación.

En total outorgaranse cinco axudas e 7.800 euros para o desenvolvemento de estudos relacionados cos ámbitos socioeconómicos máis propios de Pontevedra, así como aqueles outros nos que se xustifique adecuadamente a súa relación coa provincia, segundo recolle a convocatoria publicada pola Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo. Trátase dunha convocatoria dirixida ao persoal investigador dos campus de Pontevedra e Vigo, que dispoñen de prazo ata o 30 de xuño para presentar as súas propostas.

Este programa de axudas para o desenvolvemento de iniciativas investigadores pretende tamén ser unha vía para que o persoal investigador máis novo e os que teñan máis dificultades para acudir a outras convocatorias poida pór en marcha as súas iniciativas. Neste senso, a convocatoria recolle que as e os responsables dos proxectos deberán ser persoal cunha relación contractual laboral, non funcionarial, a tempo completo, que non tivera sido previamente investigador principal en ningún outro proxecto de carácter competitivo, de ámbito local, autonómico, estatal ou europeo e que non estea contratado con cargo a un proxecto de I+D. Tanto a persoa responsable do proxecto como as e os integrantes do equipo investigador deberán desenvolver o seu labor nos campus de Pontevedra e Vigo.

Ademais, a liña de axudas tamén pretende reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación no Sistema Universitario de Galicia, o que motiva que na definición dos proxectos seleccionados vaia terse en consideración o peso relativo das mulleres nas propostas presentadas. Do mesmo xeito, a convocatoria tamén pretende potenciar na medida do posible a colaboración entre grupos de investigación de diferentes centros e ámbitos de coñecemento.

Publicacións Relacionadas